
O Concello de Viveiro abre o prazo de inscrición para todos aqueles colectivos, asociacións, comparsas e grupos que desexen participar no desfile da próxima Cabalgata de Reis. As agrupacións interesadas deberán enviar un correo electrónico a cultura@viveiro.gal antes de que remate o domingo 13 de decembro, indicando o nome do colectivo e un teléfono de contacto.
“Unha vez rematado o prazo de inscrición, convocarase unha reunión con todos os grupos participantes para coordinar a organización e concretar os detalles do desfile”, anuncia o Concello de Viveiro, que anima “ao tecido asociativo e aos diferentes colectivos do municipio a participar nesta cita tradicional do Nadal, contribuíndo a encher as rúas de ambiente festivo e ilusión”.
O Concello de Viveiro informa, así mesmo, de que “a finais de decembro se abrirá un prazo específico de inscrición para os nenos e nenas que desexen participar nas carrozas dos Reis Magos. Trátase de dúas convocatorias diferenciadas, polo que o prazo aberto actualmente está dirixido exclusivamente aos colectivos que queiran participar desfilando en grupo na Cabalgata”.


