
As Escolas Deportivas Burela FS abren o prazo de inscrición para as Xornadas de Portas Abertas deste verán, na que nenas e nenos de entre 5 e 17 anos (dende a categoría biberón a xuvenil, feminino e masculino) poderán probar de forma totalmente gratuíta “un dos deportes máis practicados e seguidos na comarca e, sobre todo, na vila de Burela”.
“A histórica entidade, que este ano cumpre os 25 anos, está conformada por 20 equipos e forman parte dela 210 deportistas, sendo recoñecida a nivel nacional e mundial polos seus dous equipos sénior que compiten nas máximas categorías. Como non podía ser menos, contará cos mellores técnicos profesionais, xogadores/as dos equipos sénior para dirixir as diferentes categorías deste evento ao que cada edición asisten numerosos nenos e nenas que, ademais de aprender conceptos básicos da disciplina, asimilan valores deportivos e prácticas saudables para a súa vida diaria”, explica o Burela FS.


