Acisa entrega de forma gratuíta 14.000 bolsas conmemorativas do X Ribadeo Indiano para o comercio

Acisa entrega de forma gratuíta 14.000 bolsas conmemorativas do X Ribadeo Indiano ao comercio asociado. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa de actuacións do proxecto de dinamización comercial O teu comercio local é extraordinario, que a asociación ribadense está a desenvolver co cofinanciamento da Xunta de Galicia.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou: “hoxe para nós é un día importante, porque ten lugar a presentación das novas bolsas que desde Acisa estamos a distribuír entre as nosas asociadas e asociadas. A entrega de materiais gratuítos é unhas das sinais de identidade de Acisa desde hai anos, xa que é algo moi demandado por parte dos negocios asociados. Deste xeito contribuímos a abaratar os custes que un negocio ten que sufragar ao longo do ano. Pero este lote de bolsas é moi especial, porque se trata das primeiras bolsas que editamos con temática do Ribadeo Indiano, un evento histórico cultural moi importante para este municipio e para todo o seu tecido empresarial”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “de xeito excepcional este ano, por primeira vez e con motivo do décimo aniversario do Ribadeo Indiano, entregamos de forma totalmente gratuíta materiais aos nosos asociados e asociadas. Primeiro fixémolo coa hostalería cos vasos gratuítos e agora tócalle ao comercio. Nesta ocasión fixemos un esforzo extra, dedicando mais de 10.000 euros para a adquisición destes materiais, algo que puidemos facer co cofinanciamento da Xunta de Galicia, grazas á obtención do premio do proxecto excepcional. Con esta inversión puidemos editar 14.000 unidades destas novas bolsas comerciais”. E engadiu: “deste xeito respondemos ás necesidades dos nosos asociados e asociados, que diariamente no comercio veñen utilizando as bolsas que dende Acisa lles proporcionamos de forma gratuíta, e que sen dubida son unha das súas maiores demandas”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “utilizamos a nova imaxe corporativa de Acisa, na que se debuxa o barrio indiano de San Roque baixo o slogan de O noso comercio é vida, vive Ribadeo. O tamaño das bolsas é o habitual, de tipo mediano que serve para unha grande maioría dos negocios”.

Carmen Cruzado agradeceu “a colaboración de todas as administracións coas que contamos e traballamos desde Acisa, a través de subvencións como neste caso, de convenios ou de acordos e proxectos, que sempre buscan o apoio ao tecido empresarial ribadense e sobre todo a súa dinamización económica, neste caso especialmente á Xunta de Galicia e á Dirección Xeral de Comercio”.

No acto de presentación, que tivo lugar nun dos negocios asociados a Acisa, participaron a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz, que subliñou “a importancia da colaboración das administracións con Acisa Ribadeo, unha asociación moi dinámica, que organiza moitas actividades ao longo do ano e distribúe materiais gratuítos entre as súas asociadas e asociados. Concello e Acisa traballamos xuntos en moitos proxectos, que o que buscan é a dinamización económica de Ribadeo e dos seus negocios. Neste caso temos que agradecerlle á Xunta de Galicia e á Dirección Xeral de Comercio o seu apoio”.

Por outra parte, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, fai un chamamento especial aos comerciantes e hostaleiros de Ribadeo para que decoren os seus negocios, fachadas, terrazas, barras ou escaparates para a celebración do X Ribadeo Indiano: “para iso lles facilitamos de forma gratuíta a cada socio e socia, bandeiras e flocos, mais de 7.000 metros destes materiais e 800 faroliños, que xunto coa decoración das rúas fan mais de 20.000 metros e 1.000 faroliños. Sen dúbida Acisa pon todo da súa parte para engalanar os negocios e as rúas da vila. Queremos tamén animar a que os locais e a veciñanza de Ribadeo decoren cun ambiente floral as súas fachadas e terrazas. Ribadeo retornará ao pasado do 11 ao 13 de xullo e entre todos debemos crear o ambiente propicio para conseguilo, para viaxar no tempo ata finais do século XIX ou principios do século XX”.