
Acisa integra dende hoxe á Praza de Abastos de Ribadeo, tras a sinatura do acordo entre ambas entidades, reforzando así o tecido comercial local e apostando pola posta en valor dos negocios de proximidade.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinalou: “dende hoxe os negocios da Praza de Abastos e o propio espazo quedan integrados en Acisa Ribadeo. Levabamos moito tempo traballando para chegar a este momento, xa que consideramos que era unha medida estratéxica moi importante tanto para os praceiros como para a nosa asociación. A Praza de Abastos é un núcleo comercial fundamental, cunha identidade propia, que representa como poucos espazos o produto da nosa terra e do noso mar”.
E declarou: “estamos a falar dun espazo con preto dunha decena de postos, con actividades tan relevantes como peixerías, carnicerías, froitarías ou florarías, que ofrecen produtos de proximidade, frescos e de gran calidade. A súa integración en Acisa supón dar un paso adiante na súa visibilidade, dinamización e promoción. Queremos que a Praza de Abastos gañe protagonismo, que se consolide como un punto de referencia para veciñanza e visitantes, e que forme parte activa de todas as iniciativas comerciais e promocionais que desenvolvemos ao longo do ano”.
O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, explicou que “este acordo é moi importante tanto para Acisa como para a Praza de Abastos. Dende hoxe, todos os establecementos da Praza quedan integrados individualmente na nosa entidade, con todos os dereitos e obrigas de ser asociados. Cada un deles terá representación na asemblea de socios, cun membro, un voto. En próximas datas constituirase a comisión sectorial de praceiros en Acisa, que será o foro no que se traballará sobre as iniciativas e preocupacións propias deste espazo. Así mesmo, contarán cun representante permanente na xunta directiva da asociación”.
Pérez Prada indicou: “a sinatura deste acordo implica que os negocios situados na Praza de Abastos participarán en toda a actividade de Acisa ao longo do ano: campañas comerciais, sorteos, accións promocionais, formacións, asesoramento técnico e en materia de subvencións, así como a organización de eventos e entrega de materiais. Isto permitirá integrar á Praza como un núcleo de actividade comercial de gran relevancia, no que estamos seguros de que as nosas accións terán unha maior proxección”.
Cruzado Iglesias dixo: “para nós é especialmente importante seguir tecendo sinerxías entre os distintos sectores: comercio, hostalaría, servizos, turismo e agora tamén os praceiros. Esta unión permítenos crear accións conxuntas máis potentes, xerar maior impacto e fortalecer o comercio local no seu conxunto. A integración da Praza de Abastos encaixa perfectamente coa nosa filosofía de traballo colaborativo e de apoio ao comercio de proximidade. Como sempre dicimos desde Acisa cantas máis socias e socios sexamos máis cousas poderemos facer e máis forza teremos como colectivo”.
O xerente de Acisa engadiu: “dende hoxe, os negocios da Praza estarán representados por Acisa ante as administracións, especialmente a local, como ante outras entidades e empresas. Traballaremos para defender os seus intereses, promover este espazo e poñer en valor a excelencia dos produtos de calidade que aquí se comercializan. Xa estamos a traballar na creación dunha marca propia de Acisa Ribadeo para a Praza de Abastos, que lle dea un novo impulso e reforzo á súa identidade. Con estas accións, estamos a cumprir cun dos obxectivos estratéxicos que dende Acisa nos marcamos para este ano 2026, ampliar a base asociativa integrando novos sectores estratéxicos e ampliar a nosa representatividade, cun espazo tan representativo como e a Praza de Abastos”.
Presidenta e xerente subliñaron que “a primeira iniciativa que levamos adiante para traballar pola Praza de Abastos, xunto ao Concello de Ribadeo, é a Gastropraza, á que nos sumamos neste ano e que programa actividades ao longo deste 2026”. E tiveron palabras de agradecemento: “agradecemos ás praceiras e praceiros a súa integración en Acisa. Traballaremos pola dinamización deste emblemático espazo. E grazas ao Concello de Ribadeo por entender que o feito de que Praza de Abastos forme parte de Acisa é beneficioso para todos e polo seu apoio para que este reto que tiñamos se converta en realidade”.
Asinaron o convenio de integración da Praza de Abastos en Acisa Ribadeo a súa presidenta, Carmen Cruzado, e o presidente da Asociación de Praceiros, Manuel González. Asistiron ao acto o xerente de Acisa, Jesús Pérez, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz.


