A Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza un percorrido musical polas rúas de Ribadeo co grupo Erikas e Peluxías este xoves, 15 de maio

A Agrupación Cultural Francisco Lanza, de Ribadeo, anuncia: “este xoves, 15 de maio, ás 20:30 horas imos poder gozar da actuación das Erikas e Peluxías ao longo das rúas ribadenses, ao pé de varios dos balcóns que dan acubillo ás Palabras na varanda, que cada ano organiza a Agrupación Cultural Francisco Lanza. Nesta ocasión, e ao mesmo tempo que celebramos o Día das Letras Galegas dedicado ás cantareiras, imos engalanar os nosos balcóns con múltiples referencias ás mulleres que durante anos e anos mantiveron viva a nosa tradición musical e as cantigas que lle daban contido. Comezaremos o percorrido na rúa San Francisco, fronte á igrexa, e despois desprazarémonos até a Praza de Abaixo para, a continuación, achegármonos á rúa Antonio Otero, á altura da Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, e rematarmos na rúa Rodríguez Murias, cabo do mural dedicado a Rosalía de Castro. Serán catro paradas acompañadas de música, de breves referencias literarias, e da calor coa que sempre nos animan os homes e mulleres amantes da cultura e da vida cívica das nosas rúas”.

O colectivo ribadense engade: “cando Francisco Lanza facía falar ás xentes de Ribadeo, cando os socios e socias fundadoras da Agrupación Cultural Francisco Lanza animaban á lectura a través da celebración da Feira do Libro en Galego, cando todos e todas nós participamos nos actos culturais que van balizando a nosa vida en comunidade, entoamos a coro a mellor e máis melodiosa das cancións: encher de vida as nosas letras galegas. Mil primaveras máis para a nosa lingua!”.