Antonio Barros e iAlma actuarán en Couxela (Ribadeo) este sábado, 26 de setembro

A parroquia de Couxela, no concello de Ribadeo, acollerá este sábado, día  26 de setembro, unha nova etapa de O Camiño de Vieiras Amarelas, o proxecto cultural de Antonio Barros e iAlma que está percorrendo diferentes puntos de Galicia cunha proposta que “conecta música, territorio, memoria e identidade”. O concerto terá lugar ás 13:30 horas.

O Camiño de Vieiras Amarelas “nace da unión de dous símbolos: a vieira que identifica o Camiño de Santiago e o camiño de baldosas amarelas de O Mago de Oz. A partir desta idea, Antonio Barros e iAlma propoñen unha viaxe musical por Galicia que tamén se converte nunha viaxe interior a través das emocións, das lembranzas e da propia identidade. O proxecto está deseñado para adaptarse aos diferentes lugares polos que pasa e busca establecer unha relación directa entre a música e o territorio que a acolle”, explica a organización do concerto, que engade: “a chegada a Ribadeo ten, ademais, unha especial vinculación co universo xacobeo. Ribadeo é a porta de entrada en Galicia do Camiño do Norte, cuxo percorrido polo municipio atravesa a vila e as parroquias de Ove, Covelas e Arante, conectando o itinerario xacobeo coa paisaxe e os pequenos núcleos do interior. Neste contexto, a actuación de Couxela supón unha nova parada do proxecto nun territorio directamente relacionado coa realidade cultural e paisaxística do Camiño, aínda que a parroquia non forme parte do trazado oficial que atravesa o concello. Un dos elementos que caracteriza a O Camiño de Vieiras Amarelas é a vontade de levar a proposta artística a diferentes puntos do territorio galego, incluídos pequenos concellos e parroquias”.

Para Antonio Barros e iAlma, “cada parada representa tamén unha oportunidade para compartir música cos veciños e descubrir a realidade particular de cada lugar. O máis bonito deste camiño é que cada parada é diferente. Non queremos simplemente chegar, cantar e marchar, senón que a música forme parte, aínda que sexa por unhas horas, da vida do lugar que nos recibe”.

A proposta combina piano e voz cun repertorio no que “a música e a emoción son os principais elementos dunha actuación pensada para o encontro directo co público”.

A actuación de Couxela forma parte do itinerario de O Camiño de Vieiras Amarelas, que ao longo de 2026 está chegando a diferentes localidades galegas. O proxecto conta co apoio do programa O Teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, dentro das iniciativas vinculadas ao Xacobeo e á dinamización cultural do territorio.