Artika Teatro representará en Viveiro un musical sobre "O libro da selva" o 7 de novembro

A compañía Artika Teatro representará en Viveiro o espectáculo titulado O libro da selva. O musical. Será no Teatro Pastor Díaz o sábado 7 de novembro ás 18:00 horas. Ten unha duración de 50 minutos e está dirixido a público infantil maior de 3 anos.

O elenco artístico está formado por Yoel Alonso, Fernanda Barrio Barcala, Irene Lorenzo Rei, Marcos Alonso e Rocío Salgado.

A sinopse é a seguinte: “A historia clásica de Rudyard Kipling revive en galego nun gran musical para toda a familia. Ártika Cía convídanos a entrar nunha selva moi especial: unha cidade chea de animais, gobernada polo implacable Sherekhan. Mowgli chega a este novo mundo e terá que aprender as súas regras para poder convivir cos seus habitantes. Mais… conseguirá convencer a Sherekhan de que o deixe quedar? Música en directo, voces que emocionan e unha posta en escena chea de enerxía dan vida a un dos poucos musicais de gran formato creados integramente en galego. Un espectáculo único, vibrante e cheo de maxia, pensado para a infancia… e para todas as familias que queiran deixarse levar pola forza da aventura”.