A asociación Mauro Leivas fai un chamamento á cidadanía para crear un rexistro das obras do artista mindoniense

A asociación Mauro Leivas deu os seus primeiros pasos este xoves, 19 de marzo, nun emotivo acto que serviu para render homenaxe a “un dos creadores máis singulares e comprometidos da plástica galega contemporánea. A cidadanía mindoniense deixou pequena a sala do Pazo de Santo Tomé, onde tivo lugar esta presentación que contou coa presenza do alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero; e o tenente de alcalde de Barreiros Antonio Veiga, que acudiu en representación da alcaldesa, Ana Ermida; a tenente de alcalde de Mondoñedo, Ángeles Rodríguez; o concelleiro de Cultura, Alberto García; representantes do PSOE e do BNG na corporación; así como a comisaria de exposicións da Rede Museística Provincial de Lugo, Silvia Fiallega. Esta iniciativa está impulsada por un grupo de familiares e amizades cun dobre obxectivo: preservar a memoria artística do creador mindoniense e manter vivo o seu compromiso social e cultural, oito meses despois do seu falecemento en xullo de 2025”. A asociación aproveitou esta presentación para facer un chamamento especial á cidadanía: “se alguén posúe algunha obra de Mauro Leivas, rogáselle que o comunique a través da web ou do correo electrónico. O obxectivo é unicamente incluír a información no arquivo xeral para ter un rexistro completo da súa traxectoria. Do mesmo xeito, buscan calquera outra documentación respecto ao seu traballo, como colaboracións en eventos, carteis, catálogos antigos ou fotografías que axuden a reconstruír a súa historia. A asociación convida a toda a sociedade a colaborar no proxecto, ben sexa mediante achega puntual ou formando parte activa da organización. Para máis información sobre as modalidades de participación pódese consultar a web mauroleivas.gal ou escribir a info@mauroleivas.gal”.

Mauro Leivas (Mondoñedo, 1955-2025) foi “un artista de versatilidade extraordinaria cuxa obra abarcou dende o cómic e o hiperrealismo ata a abstracción dixital. A súa traxectoria caracterizouse pola exploración expresiva da cor, da forma e da emoción, sempre mantendo un fondo respecto polos valores da inclusión e da diversidade. Pero a obra de Mauro non pode separarse da súa personalidade: fundamentalmente libertario, comprometido coa loita fronte ás inxustizas e solidario cos valores que axudaban a definir a súa visión vital”.