
A asociación Nordés vén de anunciar a organización dunha saída cultural para o sábado 25 de abril, cunha proposta que combina patrimonio, tradición e gastronomía entre A Pontenova e Taramundi.
Nordés explica que “a xornada inclúe a visita ao obradoiro do artesán J. Rodil, onde as persoas participantes poderán coñecer de primeira man o proceso de elaboración de navallas artesás. Ademais realizarase unha visita guiada co técnico de turismo da Pontenova, que incluirá a exposición mineira Sociedad Minera de Villaodrid e o Museo da Pesca Fluvial. O programa complétase cun xantar na Casa Rural Casona de Labrada, con menú tradicional, e tempo libre en Taramundi, onde se poderá visitar opcionalmente o Museo dos Muiños de Mazonovo. A xornada rematará cunha visita a unha queixería tradicional, que incluirá explicación e degustación”.
A saída contará con transporte en autobús desde diferentes puntos (Loiba, O Barqueiro e O Vicedo) e o regreso está previsto arredor das 20:00 horas.
As prazas son limitadas e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o martes 21 de abril. O prezo da actividade é de 30 euros para persoas socias de Nordés e de 40 euros para non socias.
Para máis información e inscricións as persoas interesadas poden contactar no teléfono 655.17.01.16 ou no correo electrónico asociacion.nordes@gmail.com.


