
O Concello de O Vicedo pon en marcha a oitava edición do Concurso de Fotografía Turística, unha cita xa imprescindible para todos os amantes da paisaxe e de fotografiala. O certame busca captar, a través de imaxes únicas, a esencia, a beleza e a diversidade deste recuncho mariñeiro.
Nesta ocasión, a temática é libre, sempre que as fotografías teñan como protagonista o municipio de O Vicedo. Quedarán automaticamente fóra do concurso aquelas imaxes que non amosen lugares ou elementos propios da localidade.
A participación está aberta tanto a profesionais como a afeccionados/as, sen límite de idade. Cada persoa poderá presentar ata tres fotografías, que deberán ser orixinais, inéditas e non premiadas noutros certames. Admitiranse imaxes en cor ou en branco e negro, cun tamaño mínimo de 30x45 cm e máximo de 40x60 cm, impresas en papel fotográfico e sen ningún tipo de montaxe. As fotografías feitas con dron non serán aceptadas. Ademais da entrega física, é obrigatorio enviar as imaxes en formato dixital JPG (mínimo 3MB, 300 ppp) ao enderezo concursofotografiaovicedo@gmail.com
O prazo para presentar as obras remata o 19 de agosto, e poderán entregarse na Casa da Cultura de O Vicedo ou por correo postal, indicando claramente o título de cada fotografía e os datos completos do autor/a.
O xurado, formado pola concelleira de Turismo, o técnico de Cultura, o auxiliar de Información Turística e un experto en fotografía convidado, valorará a calidade técnica e artística das imaxes presentadas.
Os premios establecidos son: un primeiro premio de 300 euros, un segundo e terceiro premio de 200 e 100 euros respectivamente e, por último, un premio xuvenil (16 a 30 anos) de 50 euros.
A entrega de premios celebrarase o 20 de agosto ás 20:30 horas na Casa da Cultura, nun acto no que tamén se inaugurará a exposición coas obras participantes, aberta ata o 30 de setembro. As fotografías premiadas pasarán a formar parte do fondo fotográfico municipal.
Con este certame, O Vicedo reafirma o seu compromiso coa cultura, convidando a todo o mundo a capturar coa súa cámara a maxia deste lugar.