A Aula CeMIT de Barreiros acolle un obradoiro tecnolóxico para a mocidade do 11 ao 13 de agosto

O Concello de Barreiros, a través da súa aula CeMIT e, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, acolle o programa Tech Kids: Argallando entre xeracións, un obradoiro creativo de 3 días de duración para espertar o talento dixital e a capacidade de innovación entre a mocidade. A formación terá lugar os días 11, 12 e 13 de agosto, en horario de 9:30 a 12:00 horas na aula CeMIT de Barreiros.

“Esta iniciativa, dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas preferentemente entre os 12 e os 18 anos, ten dous obxectivos claros: por unha banda, familiarizar á rapazada coas tecnoloxías disruptivas que definen o presente e o futuro; e por outra, desenvolver competencias transversais como a resolución de problemas, o pensamento crítico e o traballo en equipo nunha contorna colaborativa. Durante o obradoiro, que será meramente demostrativo e experimental, a mocidade poderá practicar: deseño e fabricación de obxectos con impresoras 3D; robótica educativa; iniciación á programación e creación de videoxogos; e experimentación con electrónica”, explica o Concello de Barreiros.

As persoas interesadas poden obter máis información na propia aula CeMIT de Barreiros ou chamando ao teléfono 666.87.59.46. As prazas para o obradoiro son limitadas e a rapazada participante no programa +Mocidade do Concello de Barreiros terá preferencia na asignación das mesmas. Requírese inscrición previa.