
A Aula Universitaria da UNED de Foz vén de presentar a súa programación de actividades para o mes de novembro, cunha oferta que “combina a posta en valor do patrimonio natural da comarca e a aprendizaxe práctica de habilidades creativas”.
A primeira proposta leva por título Outono nas ribeiras do río Ouro e terá lugar o xoves 13 de novembro de 16:00 a 18:00 horas cun roteiro interpretativo de 3 quilómetros de percorrido. A saída será dende a área recreativa de Fazouro. Trátase dun paseo guiado pola desembocadura do río Ouro no que se falará da flora e da fauna outonal que habita neste ecosistema, así como das súas particularidades e curiosidades. O roteiro estará guiado por Pedro Rolle, bombeiro forestal, experto en biodiversidade da zona e autor do caderno Flores de primavera do Valadouro. A actividade é de balde, mais require inscrición previa.
A segunda cita será o martes 19 de novembro de 20:00 a 22:00 horas e consistirá nun obradoiro práctico de empaquetado creativo, “orientado a preparar agasallos cunha presentación coidada e orixinal, ideal para a vindeira campaña de Nadal”. O taller será impartido por Ángeles Casas Marful, especialista en escaparatismo e técnicas de empaquetado creativo. “Neste obradoiro aprenderanse técnicas sinxelas pero vistosas para envolver paquetes de maneira diferente, aportando un valor engadido tanto a nivel persoal como comercial”. A actividade ten un custe de 5 euros por persoa e tamén require inscrición previa.
A coordinadora da Aula da UNED en Foz, Marta Muiña, destacou que estas propostas buscan “achegar á comunidade actividades formativas e culturais accesibles, que conecten co territorio e coa vida cotiá das persoas”. Engadiu que “o roteiro é unha oportunidade magnífica para coñecer de preto un espazo natural único, mentres que o obradoiro de empaquetado permitirá desenvolver a creatividade de cara ao Nadal”.
Pola súa banda, a concelleira de Educación e Cultura, Elena Martínez, sinalou: “desde o Concello de Foz apoiamos con entusiasmo este tipo de iniciativas, que consolidan a Aula da UNED como un espazo activo, dinámico e aberto a toda a veciñanza”.
Recordan ademais que o período de matrícula para os estudos universitarios na UNED está aberto ata o 4 de novembro, podendo realizar calquera trámite a través da páxina web da UNED, presencialmente na aula de Foz en horario de 9 a 14 horas, nos teléfonos 982.133.699 ou 604.034.549 ou no correo electrónico foz@lugo.uned.es.


