A Banda de Ribadeo estreará oito pezas no concerto de Semana Santa que será na igrexa parroquial ribadense o 1 de abril

A Banda Municipal de Música de Ribadeo estreará oito pezas no concerto de Semana Santa que ofrecerá na igrexa parroquial ribadense de Santa María do Campo o día 1 de abril, mércores, ás 20:45 horas.

O director da Banda de Ribadeo, David Ballester Martínez, anuncia que o tradicional concerto de Semana Santa que ofrece todos os anos esta formación “será o mércores 1 de abril ás nove menos cuarto da tarde na igrexa parroquial cun repertorio basicamente de marchas procesionais e de temática relixiosa. Hai que resaltar que das nove pezas que vai interpretar a Banda Municipal de Música de Ribadeo oito delas será a primeira vez que as tocarán nun concerto os nosos músicos. Creo que é un paso importante porque cada concerto estamos estreando obras novas, o que indica a boa saúde da nosa Banda”.

Ademais David Ballester convida “a toda a xente que estea esta Semana Santa por Ribadeo a que se achegue o mércores 1 de abril ás 20:45 horas á igrexa parroquial”. E agradece “á Confraría da Semana Santa de Ribadeo e á parroquia pola súa colaboración para realizar este concerto”.