Barreiros acolle este domingo, 25 de maio, a representación da obra “Profetas”, de Ítaca Teatro e o CDG

Este domingo, día 25 de maio, ás 19:00 horas o Centro Sociocultural de San Cosme de Barreiros acollerá a representación da obra titulada Profetas, unha coprodución do Centro Dramático Galego e Ítaca Teatro.

O Concello de Barreiros anuncia: “escrita por Ernesto Is (gañador do XVI Premio Abrente de textos teatrais da MIT de Ribadavia en 2021), a obra está dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio e protagonizada por Elea López e Carlos Rebolo. A obra presenta a El e a Ela, unha parella que, despois de romper a súa relación, volven a atoparse para recordar ao longo dunha noite os vellos tempos. Neste encontro lembran os soños, os medos, os éxitos e os fracasos que compartiron, facendo balance da súa historia en común a través doutras historias do cinema e da literatura. Cuestións como o compromiso político e artístico, o amor e a creación están presentes nunha peza que funciona como un xogo de agochados, de abismos e de saltos entre realidade e ficción. A montaxe mestura diferentes linguaxes escénicas e afonda no carácter híbrido do texto, combinando o traballo da interpretación co vídeo en directo, a utilización de máscaras e mais o movemento”.

A entrada é libre ata completar aforo.