
O Concello de Barreiros anuncia que “avanza no seu compromiso coa mellora da calidade de vida e a saúde da veciñanza” coa presentación da nova delegación na comarca da Mariña da Asociación Galega de Fibromialxia (AGAFI). O evento terá lugar este xoves, día 17 de setembro, ás 20:00 horas a carón do Concello, nas escolas unitarias de San Cosme de Barreiros.
“A creación desta delegación supón un paso importante para achegar á comarca o labor de AGAFI. Esta entidade traballa desde o ano 2000 na información, defensa e acompañamento das persoas afectadas por fibromialxia, dor e fatiga crónica, co obxectivo de ser unha ponte útil entre os afectados, as súas familias e o sistema sociosanitario”, explica o Concello de Barreiros, que engade: “durante o acto, a terapeuta ocupacional Lucía Moreda; especialista en afrontamento activo do dolor, insomnio e hábitos saudables, ofrecerá unha charla informativa titulada ¿Qué es la fibromialgia y su tratamiento?. O propósito é visibilizar unha doenza crónica que afecta a un elevado número de persoas, maioritariamente mulleres”.
A concelleira de Igualdade, Educación e Saúde Pública, Monse Porteiro, salientou “a importancia de visibilizar as enfermidades cunha ollada feminista e transversal. Desde o Concello apostamos firmemente pola información e a formación como ferramentas clave para coidar da nosa veciñanza. É fundamental incorporar a perspectiva de xénero na abordaxe das enfermidades para evitar prexuízos que se traduzan nun atraso no diagnóstico ou nun infradiagnóstico, algo, desgrazadamente, moi frecuente na fibromialxia. Coidar da saúde pública implica garantir que todas as persoas teñan acceso á información e a tratamentos axeitados”.
Pola súa banda o alcalde accidental, Antonio Veiga, remarcou o papel das institucións locais no apoio ao benestar e á prevención: “este Concello está totalmente volcado cos problemas de saúde que inciden no día a día e no desenvolvemento das nosas veciñas e veciños. As administracións públicas debemos ser un alicerce de apoio para potenciar a adopción de hábitos de vida saudables que axuden a previr a aparición de certas doenzas ou, no caso de que xa existan, a reducir ao máximo os seus efectos na vida cotiá. Queremos unha Barreiros máis saudable, consciente e solidaria."
O acto está aberto á participación de persoas afectadas, familiares, profesionais da saúde e público en xeral. Ao remate da intervención e da presentación da nova estrutura de AGAFI na comarca, abrirase unha quenda de preguntas para resolver dúbidas e compartir experiencias.


