
Xa se pode visitar na sala de exposicións da primeira planta da Casa da Cultura de Burela a mostra titulada Os Maragatos da Porta de San Pedro, organizada polo Colectivo Egeria e a Fundación Carmen Pérez-Carro. O horario de apertura é de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 horas.
A exposición foi inaugurada este mércores, 17 de xuño, nun acto no que participaron Carmela López, alcaldesa de Burela; Lina Gómez, concelleira de Cultura; e Xulio Xiz, presidente de Egeria.
Durante a presentación, a alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou: “dende o Concello seguimos apostando por achegar á veciñanza propostas culturais diversas e de calidade, que permitan coñecer historias e tradicións que forman parte da nosa identidade".
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Lina Gómez, convidou á veciñanza a visitar esta mostra para coñecer esta “interesante historia de migración e intercambio cultural con epicentro na nosa provincia”. Tamén subliñou que “esta exposición permite descubrir unha parte relevante da historia de Lugo ligada ao comercio e ás relacións entre territorios”.
O Concello de Burela explica que a mostra está composta por doce paneis en galego e castelán e recolle un resumo da historia da familia Pérez-Carro, asentada en Lugo desde 1880, e o seu “importante papel comercial e social na cidade no decurso destes 145 anos”. Os contidos da exposición están recollidos no catálogo que se entrega gratuitamente aos visitantes.
“A historia narrada na mostra comeza en 1880, cando a primeira xeración de maragatos da Porta de San Pedro, en Lugo, se asentou fronte á histórica Porta Toledana da Muralla lucense. Tratábase do matrimonio formado por Tomás Perez Carro e Vicenta García Carro, procedente de Santa Colomba de Somoza, no corazón da Maragatería leonesa. O 19 de abril de 2021 cumpríronse 40 anos do falecemento do cabeza de familia da segunda xeración, Tomás Pérez-Carro García, nado en Lugo en 1895. Con este motivo a terceira xeración desta familia pon en marcha este proxecto para investigar a súa historia, a súa procedencia leonesa e o asentamento en Lugo. Tamén a súa especial vinculación co comercio lucense, representada na actualidade polo histórico establecemento que rexe na rúa San Pedro a máis nova dos membros da terceira xeración, María del Carmen Pérez-Carro García”, remata o Concello de Burela.


