Burela acollerá o día 21 de xovembro, xoves, unha xornada formativa a cargo do psicólogo deportivo Pep Marí. Será ás 19:00 horas no auditorio municipal de Burela, con entrada gratuíta a cambio de alimentos non perecedoiros que serán destinados a Cáritas Valencia.
A Real Federación Galega de Fútbol explica que “a devastación causada pola DANA en Valencia espertou en Galicia, e no resto do país, un auténtico despregamento de solidariedade. Agrupacións, veciños, concellos de numerosas localidades, voluntarios e clubs de fútbol mobilizáronse con prontitude para axudar aos damnificados coa organización de puntos de recollida e recadación de axuda, que farán chegar ata os municipios da Comunidade Valenciana golpeados polas inundacións. O fútbol volveu amosar que sempre responde en situacións críticas, ao igual que a Real Federación Galega de Fútbol, que volverá mostrar a súa faciana máis solidaria para axudar ao pobo valenciano”.
Así, a RFGF, a través do Comité Galego de Adestradores, lanza a campaña solidaria Neste partido gañamos todos, “unha iniciativa na que a Federación pretende crear un movemento solidario con todo o fútbol galego para recoller o maior número posible de quilos de alimentos que serán entregados a Cáritas Valencia. O Boxing Day Solidario consiste nunha xornada de formación que este ano vai levarse a cabo o próximo 21 de novembro, xoves, en Burela coincidindo coa celebración na Mariña lucense da primeira fase do Campionato de España sub 16 e sub 19 masculino de fútbol sala. Esta acción formativa solidaria terá lugar no Auditorio Municipal de Burela a partir das 19 horas coa participación do recoñecido e prestixioso psicólogo deportivo Pep Marí. A entrada á xornada é de balde a cambio de que os asistentes depositen na entrada do Auditorio Municipal de Burela alimentos non perecedoiros que a RFGF fará chegar a Cáritas Valencia”.
Desde a RFGF animan a todos os asistentes a esta xornada a que acheguen o seu gran de area para axudar aos damnificados pola DANA.
Calquera información sobre esta actividade pode ser consultada no correo comitedeentrenadores@futgal.es.