Burela acolle o 24 de outubro a representación da obra “En Carne Viva”, de Bengala Teatro Físico

O Concello de Burela anuncia que a Casa da Cultura converterase o día 24 de outubro ás 21:00 horas nun “punto de encontro entre a arte, a educación e a reflexión coa representación da obra En Carne Viva, da compañía Bengala Teatro Físico, dirixida e escrita por An González”.   

“Este proxecto é un exemplo de como o teatro pode ir máis alá do escenario”, explica a concelleira de Cultura, Lina Gómez, quen destaca “a capacidade da arte escénica para provocar emoción e pensamento. En colaboración co IES Monte Castelo, o proxecto inclúe un plan formativo integral dirixido ao alumnado de Secundaria que combina obradoiros de creación escénica, a asistencia á obra e un espazo posterior de reflexión colectiva. Dita colaboración permítenos achegar á mocidade unha experiencia cultural completa, que mestura arte, emoción e pensamento crítico”, engade Gómez, subliñando o valor educativo e social desta iniciativa.

O Concello de Burela tamén explica que “a través do obradoiro titulado O que soñamos pola noite, pero non nos atrevemos a dicir durante o día, o alumnado traballa dende o corpo, a escritura e a improvisación teatral para transformar pensamentos íntimos en creación artística colectiva. As sesións abordan cuestións como o bullying, a disforia de xénero, o feminismo, a conciliación familiar ou o estigma social, sempre dende un enfoque empático e de respecto”.

A concelleira de Igualdade, Alexandra Fernández, subliña “esa dimensión humana e transformadora dos obradoiros En Carne Viva, que abordan temas tan importantes como a diversidade, o respecto, o feminismo ou a identidade persoal, e fano desde a empatía e o coidado. Este tipo de actividades axudan ao alumnado a expresarse, a entender as súas emocións e a respectar as diferenzas”.

Pola súa parte a obra En Carne Viva propón “unha viaxe emocional e simbólica a través da identidade, o xénero, o amor e a frustración. Inspirada libremente en La vida es sueño, de Calderón de la Barca, na película Laurence Anyways, de Xavier Dolan, e en testemuños anónimos, a peza transita entre a poesía e a denuncia social, amosando a loita das persoas por sobrevivir nunha sociedade deshumanizada”.

A función, dirixida a público adulto, terá lugar na Casa da Cultura de Burela, con entrada de balde.