Burela acolle o espectáculo “Cóntoche un traxe” este venres, 7 de novembro, e a Foliada da Castaña o sábado

Burela acollerá o espectáculo titulado Cóntoche un traxe, a cargo de Montse Rivera, este venres, día 7 de novembro, ás 19:30 horas no Salón de Conferencias. E o sábado terá lugar a Foliada da Castaña na Praza de Abastos desde as 12 do mediodía.

A presidenta da Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia, Rocío Rivera, anuncia que esta fin de semana “a primeira actividade será o espectáculo Cóntoche un Traxe, a cargo de Montse Rivera, que estaba programado para o mes de outubro, pero tivemos que adialo por causa de forza maior.

Terá lugar o venres 7 de novembro  ás 19:30 horas no Salón de Conferencias (antiga biblioteca). Naturalmente é un acto aberto ó público en xeral e poderemos aprender moitos detalles relacionados co traxe tradicional galego. Esta actividade será a antesala dun intenso sábado no que celebraremos a Foliada da Castaña, que organizamos xunto coa asociación Os Asadores e a colaboración do Concello de Burela.

O día 8 a partir das 12 da mañá a música tradicional estará presente nun bo número de locais de hostalería do pobo, onde os grupos participantes repoñerán forzas arredor das 14:00 horas. Xa pola tarde o ambiente desprazarase até a Praza da Mariña e Praza de Abastos co asado das castañas, a realización dun obradoiro de colares de zonchos a cargo de Gaia e un obradoiro de baile tradicional que dará paso á Foliada”.

Rocío Rivera engade que “a merenda de castañas máis pincho máis auga ou viño terá un custe de 3 euros; os obradoiros son de balde e toda a veciñanza está convidada a participar do xeito que mellor lle preste. Para rematar a noite teremos un sorteo de agasallos doados por ABSA, Fanto Fantini, Rompeolas, Lanas Pacita, Carnicería Enrique e Carnicería Monte Castelo”.

Os grupos musicais participantes son: Os Garuleiros (Negreira), Amiguiñas Foliadeiras (A Mariña), Airiños do Eume (Pontedeume), Pandereteiros do Inferno (Ribadeo), A Rebolaxe (San Cibrao), No Combaro (As Pontes), Fol do Raxal (Cervo), Cordenaia (Cervo), Xaora-Saiñas (Xove), Dambara (Burela), Batuko Tabanka (Burela), Arume (Burela) e Ledicia (Burela).

E os locais de hostalaría que participan son: Vista Alegre, Luzern, O Poeta, A Dorna, Palacio de Cristal, Nuestras Raíces, Hamilton, Torques, Contraste, Vinoteca Ril, O Sargo, As Redes, A Xanela, Nordés, A Chave das Noces, Arenal, Pastelería Kiko, Rompeolas, L`Urbana, A Mares, A Marosa, Valle de Oro, Atrezzo, Boas Migas, A Marquesa e Salitre.

“Grazas a todas as entidades, grupos, locais e colaboradores en xeral pola súa axuda e participación, pero sobre todo grazas ás persoas que de xeito (case sempre) anónimo, moven os fíos para que estas cousas saian adiante en Burela”, remata a presidenta de Ledicia.