Burela acolle o XV Curso Interdisciplinar de Música do 2 ao 7 de setembro

Burela prepárase para vivir unha semana na que a música será protagonista coa celebración do XV Curso Interdisciplinar de Música, organizado pola Escola Municipal de Música de Burela. A actividade desenvolverase do 2 ao 7 de setembro en horario de mañá, de 10:30 a 12:00 horas, e está dirixida a nenos e nenas a partir dos 4 anos de idade.

“Durante o curso a cativada participará en actividades musicais variadas, nas que traballarán o ritmo, a voz e a práctica instrumental, adaptadas á súa idade. Terán a posibilidade de familiarizarse cos instrumentos de corda, vento e percusión, convertendo cada sesión nun espazo de aprendizaxe creativo e divertido”, segundo explicou o tenente da alcaldesa de Burela, Mario Pillado.

O broche final desta edición será o domingo 7 de setembro cunha actuación do alumnado no Cantiños da Osa, dentro do Festival Osa do Mar, onde compartirán co público o aprendido ao longo da semana.

Mario Pillado salientou que “este curso ofrece unha oportunidade única de achegarse ao mundo da música de maneira gratuíta, lúdica e participativa, e ademais permite á rapazada vivir a experiencia de subir a un escenario tan especial como o do Osa do Mar”.

As inscricións son gratuítas e poden formalizarse enviando o boletín cuberto ao correo electrónico escolademusica@burela.org ou entregándoo na Escola de Música. Para máis información as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 607.423.721 e 677.838.812.