
O Concello de Burela presentou este martes no Barco Museo Reina del Carmen dúas das principais iniciativas culturais e gastronómicas para este verán: a quinta edición do Tapeo Bonito, que se celebrará esta fin de semana, e o programa de música en vivo Verán Bonito 2025, que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto.
No acto de presentación do Tapea Bonito estiveron presentes a alcaldesa, o concelleiro de Turismo e as concelleiras de Festas e de Comercio, hostaleiros e hostaleiras, a confraría de pescadores e representantes da asociación Ledicia, organizadora do evento. E en representación da asociación de hostalaría, que organiza o Verán Bonito, estivo o seu presidente acompañado dos citados concelleiros e concelleiras.
O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, foi o encargado de dar a coñecer ambas iniciativas, destacando “a implicación da hostalería local” e o “obxectivo común de encher as rúas de Burela de vida, música e sabor durante os meses de xullo e agosto”.
O primeiro en presentarse foi o Tapeo Bonito, unha ruta gastronómica que terá lugar os días 17, 18 e 19 de xullo e que contará coa participación de 19 locais hostaleiros de Burela, que ofrecerán tapas elaboradas con bonito, produto estrela da vila.
Durante o acto, o concelleiro agradeceu “a todos os 19 locais participantes que nos deleitarán con esas tapas que teñen como base o bonito” e tamén tivo palabras de recoñecemento para a asociación Ledicia, organizadora da Feira do Bonito, “pola súa colaboración e pola doazón de dous exemplares de bonito, que servirán para que os locais poidan preparar algunhas das súas elaboracións”.
A continuación presentouse a programación do Verán Bonito 2025, promovido pola nova asociación de hostalería, unha nova iniciativa de música en vivo ao aire libre que acompañará á hostalería local durante os meses de xullo e agosto, con actuacións todos os fins de semana en diferentes espazos da vila.
O programa comeza este mércores, día 16 de xullo, co grupo Gin Toni’s, e inclúe nomes como DJ Balbin, Clau & Santi, Superglú, DJ Pepu, Carta de Ajuste ou Edu Calvario, entre outros.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, puxo en valor as actividades deste verán: “música en vivo, propostas gastronómicas, programación cultural e deportiva, animación infantil… Unha oferta variada, pensada para todos os públicos, e que só é posible grazas á colaboración da nosa hostalería, do comercio local, dos clubs deportivos, das asociacións culturais e de toda a xente que se implica. Porque en Burela sabemos traballar xuntos, e iso nótase na actividade das rúas e na boa resposta da veciñanza”.
“O obxectivo é claro. Queremos un verán bonito, no sentido máis amplo: con boa comida, boa música e bo ambiente. E facelo da man dos nosos locais, que son unha peza clave na vida da vila”, explicou Ramiro Fernández Rey, que concluíu afirmando que estas actividades “reforzan toda a ampla oferta turística que ofrece Burela, como a Ruta do Peixe, Barco Museo e Rutas Xeolóxicas, entre moitas outras”.