
Con motivo da conmemoración do Día da Independencia de Cabo Verde, a Praza de Abastos de Burela acollerá este sábado, día 4 de xullo, entre as 12.00 e as 21.00 horas unha “gran celebración que reunirá música, gastronomía, artesanía, baile tradicional e actividades para toda a familia. A iniciativa está organizada pola Asociación Rabentola, o Concello de Burela, o Grupo Convivencia Entre Nós e Djunta Mo, e pretende converter a xornada nun espazo de encontro e convivencia arredor da cultura caboverdiana”, anuncia o Concello de Burela, que engade: “a programación inclúe as actuacións do Grupo Batuko Tabanka, Grupo Raízes Peruano, Grupo Senegal, Alex Djimi, o Grupo Dancarina Minis de Santiago e Jelson Gaita e Ocla Baixa”.
O Concello de Burela tamén explica que “este será un evento solidario, xa que busca recadar apoio para Ludmila, que viaxará dende Portugal para participar na celebración. Ademais Djunta Mo contará cun posto de venda de produtos artesanais e típicos, destinando o 15 por cento da recadación a esta causa”.
O tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado, destacou que “para Burela esta é unha data moi especial que levamos anos celebrando, porque contamos cunha importante comunidade caboverdiana que forma parte da nosa historia e do noso día a día. Queremos recoñecer esa realidade e celebrar xuntos unha xornada que xa é tamén parte da identidade do noso concello”.


