Burela celebra a romaría Monte Castelo do 25 ao 27 de xullo

O Concello de Burela organiza unha nova edición da romaría Monte Castelo, que se celebrará do 25 ao 27 de xullo na área recreativa do mesmo nome.

A programación arranca o venres 25, coincidindo co do Día de Galicia, para celebrar a 3ª Pancetada Popular, organizada polo Concello de Burela, o Club Baloncesto Burela e a SD Burela, en colaboración coa romaría Monte Castelo. A cita gastronómica comezará ás 20:30 horas, con racións de panceta, chourizo, peixe, pan e bebida a un prezo de 10 euros. A venda anticipada está xa dispoñible na Cafetería Vista Alegre e en Beep Informática.

Ás 22:30 horas, o grupo De Ninghures ofrecerá o concerto principal da noite, seguido do Dúo Venus e DJ Balbi, como peche de xornada.

O sábado 26 a programación inclúe sesión vermú co grupo Casablanca, xogos infantís a cargo de Gaia e concurso de disfraces. A verbena nocturna contará novamente co grupo Casablanca e DJ Balbi.

O domingo 27 ás 13:00 horas celebrarase unha misa con procesión en honra á Nosa Señora das Marabillas. A música correrá a cargo do dúo Caché durante a sesión vermú.

A organización agradece “profundamente a colaboración de todos os establecementos e entidades que fan posible esta celebración, así como ás persoas voluntarias que traballan ano tras ano para manter viva a romaría”.