Burela e Viveiro acollerán unhas xornadas formativas do GALP A Mariña Ortegal os días 27 e 30 de xaneiro

O GALP A Mariña Ortegal organiza unhas xornadas formativas para presentar a convocatoria de axudas ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) 2021-2027. En Burela terá lugar o 27 de xaneiro e en Viveiro será o 30 de xaneiro.

“Unha vez publicada xa a nova orde de axudas para a aplicación da estratexia de desenvolvemento local do GALP A Mariña Ortegal, e co obxectivo de mellorar as competencias das persoas e entidades promotoras na presentación de proxectos, vanse a desenvolver tres xornadas informativas de carácter aberto. O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Mariña Ortegal pon en marcha unhas xornadas informativas sobre o programa de axudas do Fondo Europeo, Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que xestiona o GALP na zona costeira que comprende aos concellos de Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo. Estes espazos pretenden dar as claves para a elaboración dun bo proxecto, proporcionando información sobre a estratexia do GALP e o procedemento administrativo de concesión de axudas. Diríxense ao tecido empresarial do territorio, con especial fincapé nas entidades do sector pesqueiro, e tamén a concellos, asociacións ou outros colectivos e persoas interesadas da zona pesqueira. As xornadas vanse a desenvolver nos seguintes días e localizacións: en Burela no salón de actos de ABSA no porto pesqueiro, o martes 27 de xaneiro de 16:30 a 19:30 horas;  na Confraría de Cedeira o xoves 29 de xaneiro de 10:30 a 13:30 horas; e en Viveiro no salón de actos de Puerto de Celeiro o venres 30 de Xaneiro de 16:30 a 19:30 horas”, anuncia o GALP A Mariña Ortegal, que tamén explica que “os obradoiros ofrecerán unha visión práctica para que os potenciais promotores teñan as ferramentas necesarias para que os seus proxectos acaden financiamento do FEMPA”.

Para obter máis información pódese contactar co GALP A Mariña Ortegal a través do correo electrónico galp.marina.ortegal@xunta.gal ou do teléfono 982. 563.355.