Burela estrea este sábado, 18 de xullo, o programa “Verán Acuático”, que terá actividades ata o 28 de agosto

O Concello de Burela anuncia que dará este sábado, 18 de xullo, o pistoletazo de saída ao programa Verán Acuático cunha festa na Praia Urbana, “unha proposta do Concello destinada a ofrecer alternativas de lecer para todas as idades e a converter os espazos públicos da vila en puntos de encontro durante os meses estivais. A actividade permitirá que nenos, nenas e familias gocen dunha xornada marcada pola diversión e polos xogos relacionados coa auga, nun dos principais espazos de lecer do municipio durante o verán.

Desde o Concello de Burela anímase á veciñanza e ás persoas que visiten a vila a achegarse á Praia Urbana e participar nesta primeira cita “dunha programación que combina actividade física, convivencia e goce dos espazos exteriores”.

A deste sábado será a primeira das dúas festas acuáticas previstas dentro do programa, que terá unha segunda xornada o 8 de agosto, tamén na Praia Urbana. A programación completarase con actividades de kaiak o día 26 de xullo e 16 e 23 de agosto, así como cun parque acuático do 25 ao 28 de agosto na praza do Concello e na praza da Mariña.

O goberno local destaca que Verán Acuático “nace coa vontade de dinamizar Burela durante os meses de verán e ofrecer propostas atractivas, accesibles e pensadas para compartir en familia e entre amigos”.