Burela inicia o Nadal o 5 de decembro co acendido da iluminación e actividades para toda a familia

O Concello de Burela presenta o programa Burela dá Luz ao Nadal, que terá lugar o 5 de decembro, venres, con diferentes actividades para todos os públicos. Ás as 17:30 horas na Praza do Concello haberá pintacaras infantil, globoflexia e música a cargo de Festicultores Troupe. Ás 19:00 horas celebrarase unha chocolatada e ás 19:30 horas será o acendido oficial do alumeado, amenizado pola Escola de Música de Burela. A xornada rematará ás 20:00 horas na Praza da Mariña cun concerto de COVA do CAN Rock.

A concelleira de Festexos, Patricia Eijo, destacou: “este ano apostamos por un Nadal vivo, participativo e pensado para que as familias gocen da rúa. Queremos que Burela se encha de luz, música e ilusión dende o primeiro día”. Engadiu que “o acendido do alumeado é un momento moi especial para a veciñanza, e por iso preparamos unha tarde chea de actividade e ambiente festivo”.

O contrato de iluminación festiva do Nadal foi adxudicado por dous anos á empresa Iluminaciones Santiaguesas, S.L., por un importe total de 108.000 euros (IVE incluído).

A concelleira sinalou: “con esta contratación garantimos unha iluminación moderna e segura que contribúe a dinamizar o comercio e a vida social nestas datas tan importantes”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Burela, Carmela López, afirmou que “o Nadal é unha oportunidade para dinamizar as rúas, apoiar aos negocios de proximidade e facer vila”. E finalizou convidando “a toda a veciñanza a participar, a gozar deste acendido e a ser parte dun Nadal que fai comunidade”.