Cervo acollerá o provincial de Xogade o 10 de maio nas pistas de atletismo da Veiga

O municipio de Cervo será sede o vindeiro 10 de maio do Campionato Provincial de Xogade, que se disputará nas pistas municipais de atletismo da Veiga pola mañá.

A cita foi presentada este venres, 24 de abril, nas propias instalacións, aproveitando o ambiente deportivo da celebración da cuarta e derradeira proba preparatoria do programa, nas pistas cervenses. No acto participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; o xefe provincial de Deportes da Xunta, Manuel Cadramón; o delegado responsable da Federación Galega de Atletismo, Pablo Gandoy e o responsable da ADE Mariña, Rubén García.

O Concello de Cervo explica que durante a presentación puxéronse en valor “as excelentes condicións das pistas da Veiga para acoller unha competición destas características, así como a capacidade organizativa do municipio para desenvolver eventos deportivos de primeiro nivel”.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, agradeceu á Xunta de Galicia que volvera confiar en Cervo para a celebración dunha cita deportiva destas características e destacou que “é unha satisfacción que o noso municipio sexa novamente escenario dunha proba provincial, o que demostra o nivel das nosas instalacións e a importancia do traballo conxunto de clubs e institucións, para impulsar o deporte base”. Así mesmo salientou que “acoller este campionato supón tamén unha oportunidade para seguir posicionando Cervo como referente no atletismo e para dinamizar o municipio coa chegada de deportistas, familias e acompañantes durante toda a xornada”.

O Campionato Provincial de Xogade reunirá en Cervo a numerosos escolares de toda a provincia, convertendo o municipio “nun referente do deporte base e reforzando a aposta do Concello pola promoción da actividade física entre a mocidade”.