
O concello de Cervo acollerá este sábado, 21 de xuño, a XVI Festa de Exaltación da Carne do Porco na Praza do Souto e tamén nos diferentes locais de hostalería de Cervo e Sargadelos.
A rexedora, Dolores García Caramés, xunto con representantes da A.C. Airiños do Xunco, presentaron o evento na Praza do Souto, que organiza este colectivo coa colaboración do Concello de Cervo.
Ese día, desde o mediodía a hostalería de Cervo e Sargadelos servirá diferentes racións cuxo denominador común será a carne de cocho.
Os locais participantes son: O Caseto de Copa, O Almacén, A Taberna de Sargadelos e A Sacabeira.
Xa ás 20:00 horas dará comezo a festa de exaltación con racións de costela, chourizo, pan e viño, a un prezo de 7 euros, na Praza do Souto. Ademais sortearase un cochinillo durante o día e haberá animación musical.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que “esta festa é xa un referente no calendario cultural e gastronómico do concello, grazas ao traballo de Airiños do Xunco que este ano ademais cumpre nada máis e nada menos que medio século de vida” e quixo animar a veciños e visitantes a achegarse ata Cervo nese día “para saborear os produtos da nosa terra e tamén a descubrir as diferentes propostas que ofrecerán os locais de Cervo e Sargadelos nesa xornada festiva”.