
Cervo terá días intensos de música, tradición e gastronomía desde o 14 ao 16 de agosto nas festas na honra da Nosa Señora, Virxe do Carme e San Roque, organizadas pola A.C. Rego Cachón en colaboración co Concello de Cervo, e de diferentes asociación locais.
A programación foi presentada pola tenente de alcaldesa Mali Méndez, polo concelleiro Alfredo Fernández e por unha represención da A.C Rego Cachón, que se encarga do San Roque, e de Airiños do Xunco e da Comunidade de Montes da Bidueira, que colaboran tamén nos festexos.
As festas arrincarán este xoves, día 14 de agosto, coa popular Festa do Ovo Frito, organizada neste caso por Airiños do Xunco e Cabaleiros da Bidueira, que contará coa actuación da Charanga Santa Compaña e da Discomóbil Conxuro.
O venres 15 de agosto, ás 13:00 horas, celebrarase a misa solemne cantada polo Coro de Cervo e procesión acompañada por Fol do Raxal. A continuación, sesión vermú co grupo Lecer e, xa pola noite, gran verbena co grupo Lecer e o dúo Caramelo. Durante a xornada, o Bar Caseto de Copa ofrecerá degustación de mexillóns.
O sábado 16 de agosto ás 12:30 horas terá lugar a misa solemne cantada polo Coro de Cervo e procesión, tamén acompañada por Fol do Raxal. Seguirá unha sesión vermú co dúo Zafiro e a degustación de percebes a cargo do Bar Caseto de Copa. Pola noite, gran verbena co dúo Zafiro, concerto do grupo Recuerdos e fin de festa coa Discomóbil Karamelo.
Como colofón das festas o sábado 23 de agosto Cervo celebrará a XLVII Queimada Popular, festa declarada de Interese Turístico Galego, organizada pola asociación Airiños do Xunco.
O Concello anima a veciños e visitantes a gozar destas festas que “reúnen cada ano a veciños, amigos e familia nunha contorna única como é o núcleo de Cervo; cunha programación pensada para todos os públicos, na que se combina tradición, música e boa gastronomía; agradecendo a implicación das asociacións e colectivos que fan posible que estas festas sexan un punto de encontro do verán na bisbarra”.