
O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, convoca o XV concurso fotográfico de medio ambiente Cervo Respecta 2025.
Os participantes poderán presentar un máximo de dúas fotografías, baseadas na temática xenérica do medio ambiente, inéditas e orixinais, sacadas en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia. Terán que ser imaxes de natureza viva, que sirvan de exemplo de conservación do noso medio, anuncia o Concello de Cervo. Deberanse presentar en formato dixital (JPEG), en alta calidade, a unha resolución mínima de 2.048 pixeles, sen limitación de tamaño en MB; a través do correo medioambiente@concellodecervo.com. O prazo para presentar as imaxes remata o 23 de maio.
Hai tres premios establecidos: un primeiro, un segundo, e o Top Cervo, á mellor fotografía na que se identifique claramente algunha localización do municipio, dotados todos eles con figuras de cerámica de Sargadelos. O fallo do xurado, composto por tres membros competentes na materia, farase público o 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente.
O certame, cuxa publicidade está ilustrada coa foto que se fixo co primeiro premio no 2024 -Cea ao Atardecer de Anxo Cao- foi presentado pola edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, e polo concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, que animan a todos os amantes da fotografía a que participen no concurso que é “unha chamada tamén á reflexión, convidándoos a que collan as súas cámaras e capten eses momentos que reflictan o respecto, a beleza e tamén os retos que afronta a noso medio ambiente”; ao tempo que nos permitirán coñecer o seu traballo compartindo a súa mirada, e tamén descubrir lugares e situacións únicas, como sempre fan edición tras edición nesta iniciativa que “naceu para poñer en valor a nosa contorna natural e fomentar unha conciencia máis respectuosa co medio”, apuntaron.