
O grupo De Ninghures actuará este xoves, 14 de agosto, nas festas do San Roque, de Viveiro, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que anuncia: “a banda creada arredor da Foliada da Fonsagrada e consolidada como un referente da nova fornada da música galega co seu segundo disco, Feira, actuará na Praza Maior de Viveiro, dentro da programación musical que a Vicepresidencia da Deputacíon impulsa para fomentar a presenza da música en galego en festivais e eventos musicais de toda a provincia”.
A deputada provincial de Cultura, Iria Castro, e representantes da comisión de festas -Juan Manuel Sánchez, Raquel Trasancos e Cristina Parapar- presentaron o concerto acompañadas por integrantes da banda, que “coincidiron en valorar a importancia deste tipo de actuacións, no contexto dunhas festas patronais, para achegar a un público máis amplo e diverso os grupos e artistas que xurdiron en torno á renovación da música tradicional”.
A responsable provincial valorou “o interese da Comisión en incorporar ao programa das festas a música galega e en galego, que priorizamos desde a área de Cultura” e sinalou que “a colaboración do tecido asociativo, neste caso da Comisión, é imprescindible para levar esa programación ao territorio”.
De Ninghures actuarán trala verbena coa Orquestra Suavecito.