
A décimo cuarta edición da carreira Camovi disputarase os días 26 e 27 de abril no Monte San Roque, de Viveiro. Arredor de mil corredores tomarán parte nunha cita que contará con sete probas diferentes. O sábado terán lugar a Andaina Ramón Blanco ás 9.30 horas e a Camovi Kids ás 16.30. O domingo celebraranse a C42K e a Camovi Relevos 42K a partir das oito da mañá e, máis tarde, a C21K e a C18K ás 10.45 horas, e a C10K ás 11.30.
Nas probas Camovi Kids, C21K e C10K xa se acabaron as prazas dispoñibles. Os interesados aínda poden apuntarse ata hoxe ás 23.59 horas na andaina e ata a media noite de mañá nas carreiras C42K, Camovi Relevos 42K e C18K.
Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, afirmou que “a carreira polos montes de Viveiro será un éxito para a organización, para os participantes e, en definitiva, para todos nós, que podemos estar orgullosos de ter a carón das nosas casas unha proba senlleira e referencial non só na Mariña, senón tamén en toda Galicia”.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou o nivel dos deportistas confirmados para participar nesta convocatoria, que este ano será ademais escenario do Campionato Xunta de Galicia Individual de Carreiras por Montaña. Puxo tamén en valor o tirón turístico da carreira, “que proxecta o concello de Viveiro como un escenario ideal para a práctica de deporte e de turismo de natureza”.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, valorou “a variedade de modalidades de participación que ofrece a proba, con carreiras de máxima esixencia física, na que participan deportistas de alto nivel, con percorridos máis asequibles, que abren a proba a persoas que queren disfrutar do deporte na natureza “e destacou “a Camovi como un exemplo das posibilidades que o deporte ofrece para a promoción do territorio”.
A Camovi 2025 engade nesta edición un elemento lúdico á súa imaxe, coa creación dunha mascota, que presentaron a carón da Capela de San Roque. No acto tamén participaron Alejandro López, presidente da Federación Galega de Montaña; Manuel Otero, delegado de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo; e membros da organización.