
Do 17 ao 19 de abril terá lugar en Ribadeo unha nova edición das xornadas gastronómicas da cabala, que organiza Acisa coa colaboración da OPP do Porto de Burela. Na cita participan 18 locais hostaleiros, que ofrecerán este peixe en diferentes preparacións.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “do 17 ao 19 de abril terá lugar unha nova edición das xornadas da cabala de Burela na que participarán 18 locais hostaleiros asociados a Acisa Ribadeo, que van ofrecer tapas e pratos preparados con este peixe capturado polos barcos do porto burelés. Grazas á colaboración da OPP do Porto de Burela puidemos desde Acisa organizar estas novas xornadas. A OPP facilítanos de forma gratuíta uns 90 quilos de cabala que imos distribuír entre os bares, mesóns e restaurantes que participan nesta nova cita gastronómica sen ningún tipo de custe para eles”.
Segundo explicou o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “esta é unha nova ocasión na que dende Acisa regalamos materia prima para a elaboración das tapas e dos pratos ás nosas asociadas e asociados, co que pretendemos deste xeito aforrarlles custes nas campañas que lles propoñemos. Isto marca unha liña de acción da nosa asociación para este tipo de eventos. Ademais trátase dunha achega importante: aportamos aos locais unha parte do produto que van empregar para elaborar as súas preparacións cun produto de tempada como é a cabala ou xarda”.
E dixo que “as diferentes elaboracións poderán atoparse nas redes sociais de Acisa ao longo da vindeira semana, para a súa consulta e así coñecer as propostas de cada local. Son 18 establecementos, tanto de Ribadeo vila, do porto, como de Rinlo, co que deste xeito espallamos esta cita gastronómica polas parroquias nas que tamén temos asociados e asociadas de hostalería”.
Cruzado Iglesias subliñou que “con estas xornadas o que pretendemos é botar unha man e axudar á dinamización do sector hostaleiro nestas datas, ofrecendo unha alternativa aos ribadenses e á veciñanza doutras localidades da Mariña, da provincia de Lugo e do Occidente asturiano para vir a Ribadeo a gozar dunha proposta gastronómica diferente”.
E engadiu: “queremos tamén contribuír á concienciación da importancia de consumir peixe, por saúde e por sabor. E si é peixe do Porto de Burela, moito mellor.O aporte de Omega 3 da cabala é un dos máis elevados nun peixe azul. Desde Acisa queremos agradecer a colaboración e o apoio da OPP do Porto de Burela para poder organizar estas novas xornadas gastronómicas en Ribadeo e así facilitarlles parte do produto aos locais participantes. E queremos tamén resaltar que esta actividade está enmarcada na programación de Acisa, pero tamén forma parte das actividades a desenvolver conxuntamente entre Concello de Ribadeo e a nosa entidade, seguindo as liñas de traballo conxunto”.
Os locais participantes son: A Horta de San Roque, A Mirandilla, Barallocas, El Huerto, El Rincón del Gordo, Galipizza, La Flor de Jose, Los Dulces de Delphine, La Solana, Mareta, Marinero, Náutico, O Furancho no Camiño, O Indiano, O Lar de Manolo, Parador de Turismo, Ramonita e San Miguel.
No acto de presentación das xornadas da cabala ou xarda, que tivo lugar en Burela, participaron o presidente e o xerente da OPP-7 Burela, Juan José Otero e Sergio López; o presidente e o xerente de Absa, Abelardo Basanta e Miguel Neira; e a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.


