Do 2 ao 4 de abril terá lugar unha nova edición das Santas Tapas, que organiza Acia Foz-CCA

En Foz está todo listo para a celebración das Santas Tapas, que organiza Acia Foz-CCA do 2 ao 4 de abril. 

O presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo, explicou que “chega unha nova edición das nosas Santas Tapas. Os pequenos bocados elaborados polos oito locais participantes poderanse degustar tanto ao mediodía como pola noite”. Trátase de: A Rambla-Pachán, Anduriña, Dandy, Espacio Machete, Marexada, Mexideli, Tangarta e Xoyma.

Paleo dixo que “o que pretendemos é contar cun aliciente gastronómico para o disfrute da xente que ven pasar a súa Semana Santa a Foz ou a outras localidades próximas. Levamos moitos anos organizando a ruta de tapas, que sempre é un reclamo e ten moi boa acollida, e agardamos que as Santas Tapas neste 2026 repitan éxito”.

A Rambla-Pachán ofrecerá salpicón de pescada; Anduriña copa de salpicón de polbo con variedade de vinagres e piruleta de cebola; en Dandy poderase degustar lombo de bacallau sobre crema de escalivada; en Espacio Machete ofrecerán Sloppy Joe; as persoas que se acheguen a Marexada saborearán mini bocata de pito crujiente, salsa de mel e mostaza con toque de mango e brotes tenros; en Mexideli ofrecerán quesadilla de masa azul receha de pulled pork con BBQ picante; no Tangarte haberá rústica de mar ou rústica de corral; e en Xoyma os asistentes degustarán pozo mouro. 

O prezo das tapas será de 3 euros. Desde a organización recomendan consultar os horarios en cada local. 

Comercio na Rúa
Esta Semana Santa aínda hai máis alicientes para achegarse ata Foz. Trinta e dous negocios participarán os días 1, 2 e 4 de abril nunha nova edición do Comercio na Rúa, que organiza Acia Foz-CCA. Durante as xornadas Fóra Stocks os establecementos comerciais adheridos a esta campaña sacarán os seus artigos á rúa e ofrecerán descontos especiais. 

Nesta nova edición de Fóra Stocks participan: 5 Lobiños, Alain Afflelou Foz, Ártico, Briz Peluquería y Estética, Calzados Pirde, Cenor Belianorte, Chinela Nenos, Chuvia, Decoraciones Pura, Decoraciones Pura Outlet, Don Zapato, Ginzo Hombre, Ginzo Mujer, Hedra, Hola Ola, Isla, Koquetas, Lencería Esther, Librería A Rapadoira, Librería Bahía, Living Sport, Longarela, Lourdes Moda Íntima, Mi Casa, OfiFoz, Pirde Moda, Sensación Surf, Thecé, Unique, Vas´s, Vas´s Oulet e Xoguetería Bahía. 

Para ambas campañas Acia Foz-CCA conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Comercio Galego e Concello de Foz.