Do 26 ao 28 de xuño celebrarase en Ribadeo o XIV Curso de Iniciación ó Jazz e Música Moderna

Desde o venres 26 de xuño ata o domingo 28 celebrarase en Ribadeo a décimo cuarta edición do Curso de Iniciación ó Jazz e Música Moderna. Nesta ocasión está dedicado ao centenario do nacemento do destacado músico estadounidense Miles Davis

Está organizado pola asociación cultural ribadense Bruar e o presidente do colectivo, Rubén Solloso, anuncia que o curso vai desenvolverse en horario de mañá e de tarde e será impartido por cinco profesores de distintas especialidades: “vamos seguir coa estrutura de anos anteriores. Contamos con cinco profesores de cinco especialidades distintas, como son voz, guitarra, vento e temos tamén un baterista e un profesor de piano.  Varios deles xa estiveron en edicións anteriores deste curso e outros participan por primeira vez. Repiten o profesor de piano, que vai a ser Javier Constenla, unha persoa cunha ampla bagaxe no mundo da educación dentro do jazz. No apartado de instrumentos de vento tamén volve Pablo Castaño, que estivo o ano pasado; é un saxofonista residente en Brasil e aproveitamos a súa estancia no verán aquí para que poida participar no curso. Repite tamén a profesora de canto Carmen Rey, que estivo no anos 2023 e 2024;  é unha rapaza residente na Coruña e que ten unha grandísima traxectoria tanto no apartado da divulgación e do ensino como sobre os escenarios en todo ámbito galego. E como novidade este ano vén un baterista que se chama Lar Legido e é o baterista de grupos como Sumrrá e ademais a ten unha vertente de performance que é moi interesante e que creo que non vai deixar indiferente a ninguén dos alumnos que participen nesta sección de batería. E por último temos a Marco Martínez,  que é un profesor de guitarra cunha grandísima fama; xa hai moito tempo que me falaron del e levaba tentando traelo varios anos, pero nunca conseguíamos coincidir en datas. Reside en Oviedo, ten unha escola propia que organiza moitos concertos e cursos, como o  seminario de jazz de Siero que leva facendo durante vinte tantos anos e por iso é moi interesante, porque ten moi moita experiencia neste tipo de cursos de poucos días”.

Rubén Solloso explica tamén que “o curso será durante tres xornadas, como en anteriores edicións. Será os días 26, 27 e 28 de xuño, venres, sábado e domingo.  Faremos un concerto de clausura ese domingo pola tarde -a hora concreta está por decidir- no Parque de San Francisco e no caso de que o tempo non nos acompañe trasladarémonos ao Cine Teatro, como fixemos na edición do ano pasado”. 

En canto á matrícula Solloso comenta que “os prezos creo que son moi asequibles. Temos tarifas especiais para xente que é socio ou socia da Asociación Cultural Bruar, que pagará 60 euros. Hai un prezo tamén un pouco máis económico para todo o alumnado da Escola Municipal de Música de Ribadeo, que é de 70 euros; e para o resto de xente serán 80 euros polos tres días”.

O presidente da asociación Bruar tamén anunciou que  “como novidade, este ano esperamos conseguir facer un concerto de profesores. Era algo que viñamos buscando durante estas últimas edicións do curso, desde que se formou a asociación. E se non hai novidades farase o sábado en horario tarde noite. Eu creo que é moi interesante porque conseguiremos xuntar a cinco músicos que non soen reunirse se non é e nunha ocasión así e preparar un programa que creo que será moi vistoso para que poida disfrutar tanto o alumnado participante do curso como toda a poboación de Ribadeo e os visitantes”.

O prazo de inscrición no curso está aberto ata o día 24 de xuño e as persoas interesadas en máis información e para matricularse poden contactar con Rubén Solloso a través do teléfono 677.73.40.84.