
O salón dos alcaldes acolleu a presentación da terceira edición do Vendaval Fest, que se celebrará en Ribadeo do 25 ao 27 de xullo.
O alcalde, Dani Vega, subliñou “a colaboración do Concello coa organización do Vendaval Fest, que tamén conta co apoio doutras administracións como a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, de entidades como Acisa e de patrocinadores privados”.
O rexedor dixo que “é unha satisfacción que un colectivo de rapazas e rapaces novos organicen esta cita musical e outras moitas actividades ao longo do ano. Como por exemplo O Galiñeiro, a Festa da Ría ou a Pre Festa de Fin de Ano. Co Vendaval colaboramos e noutras actividades organizamos xunto á asociación Catro Caños”.
O deputado de Mocidade, Daniel García, parabenizou á organización por “poñer Ribadeo no mapa de festivais que temos na comarca e no país, dándonos máis opcións para acceder á música en directo”. E sinalou: “nese mapa de festivais que cada vez é máis amplo, desde a Vicepresidencia da Deputación temos claro que a prioridade está en proxectos como o Vendaval Fest, que xurden do asociacionismo e teñen unha implicación clara coa rede creativa, cultural e económica local”.
O delegado territorial, Javier Arias, felicitou aos organizadores “por ofrecer un programa con bandas e artistas de renome que se poderán desfrutar en directo en Ribadeo nun ambiente festivo”. E manifestou que: a Xunta colabora con entidades de toda a provincia “para impulsar unha programación cultural ampla e diversa que dinamice social e economicamente todo o territorio”. Algunhas citas destacadas na Mariña que tamén contan co apoio do Goberno galego son o Resurrection Fest de Viveiro e o Osa do Mar de Burela, entre outras.
E o xerente de Acisa, Jesús Pérez, declarou: “dende Acisa Ribadeo queremos agradecer aos organizadores do Vendaval Fest que quixeran contar con nos como colaboradores e que ademais buscasen a fórmula para involucrar ao tecido empresarial co seu festival. É de destacar e de agradecer que toda a inversión que ten o festival se faga en empresas locais, contribuíndo así na economía local ribadense. Implican a todo tipo de empresas e fan que o festival vaia máis aló do propio recinto”.
Desde asociación Catro Caños aseguraron: “estamos moi orgullos de que no noso terceiro ano poidamos conseguir que tres das máis grandes bandas nacionais pisen a nosa vila. O Vendaval Fest comeza a marcarse xa no calendario de moita xente, e non só polos seus cabezas de cartel, senón polo conxunto de todas as agrupacións, xa que calquera das bandas que pisan o noso escenario teñen unha calidade incrible”.
O 25 de xullo actuarán os grupos Cuarta Xusta, Sandford Music Factory, Rienda Suelta e como pratos principais Boikot e Lendakaris Muertos. “Estes últimos realizarán o seu concerto de despedida no noroeste de España antes dun parón indefinido. E nos cambios de grupos, teremos outro ano máis ao noso DJ residente Tralla”.
O día 26 de xullo pasarán polo Vendaval Fest as bandas Secta, The Grandlass Sinners, The Mother Crow, Aphonic, Skama la rede e Reincidentes.
O domingo dia 27: “como nos gusta despedirnos rodeados dos nosos veciños e amigos, a partir das 1 do mediodía, na praza do cantón, teremos un vermú de despedida cos incombustibles DJ atómica e DJ Tralla”.
Desde Catro Caño subliñaron que “a intención dende a nosa asociación sempre foi o consumo local. Practicamente a totalidade dos nosos servizos quedan na vila. Unha das colaboracións que máis destacaríamos para demostrar este feito é a que temos con Acisa, coa que preparamos unha serie de descontos cos seus asociados. A fin de semana do Vendaval, chegará con mostrar a pulseira do festival nos comercios para poder obter os mellores prezos. O Vendaval é cultura, pero tamén é desenvolvemento local, dinamización social e orgullo territorial”.
O Vendaval Fest inclúe actividades para os máis pequenos, pasarrúas, mercado artesanal e zona de acampada, ademais de manter o seu compromiso “cun evento sostible e responsable, co uso racional dos recursos, vasos retornables, control de residuos e comunicación maioritariamente dixital”.