
Baixo o lema Notas pola Igualdade: Mural Musical, o alumnado e as familias da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo encherán un pentagrama xigante con mensaxes e cancións pola igualdade. A iniciativa permanecerá activa durante toda a semana no vestíbulo da escola para fomentar a reflexión e a sensibilización a través da música.
Desde a EMMeD o seu responsable, Hugo García, explica que “co gallo da conmemoración do 25N (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller), a Escola Municipal de Música e Danza pon en marcha a iniciativa artística e pedagóxica Notas pola Igualdade: Mural Musical, unha proposta colaborativa destinada a implicar a toda a comunidade educativa na loita contra a violencia machista”.
E subliña que “o eixe central da actividade sitúase no propio vestíbulo da escola, onde se instalou un gran taboleiro cun pentagrama xigante acompañado dun punto de participación con figuras musicais de cartulina morada. Ao longo de toda a semana, tanto o alumnado como as familias que se acheguen ao centro poderán escribir mensaxes, reflexións, letras ou títulos de cancións con mensaxes de empoderamento para ilas incorporando á partitura común”.
O obxectivo desta intervención é transcender a formación puramente técnica e converter a música nun vehículo de transformación social: “queremos que a nosa escola sexa un espazo vivo de concienciación onde a música sirva para romper o silencio fronte ás violencias e para construír, nota a nota, unha convivencia baseada no respecto e na igualdade”, engade Hugo García.
A actividade permanecerá aberta desde o 18 ata o 25 de novembro, convidando a toda a veciñanza e ás familias a achegarse pola escola para deixar a súa pegada neste mural colectivo.


