En Ribadeo volven desde o 27 de xaneiro as charlas de saúde do programa Preto de Ti e están centradas na diabetes

O Concello de Ribadeo retoma as charlas de saúde do programa Preto de Ti, “reafirmando así a súa aposta pola promoción e prevención da saúde entre a poboación. Esta nova edición estará dedicada á prevención, control e mellora da calidade de vida das persoas que conviven coa diabetes, unha enfermidade moi prevalente e que afecta a unha porcentaxe importante da poboación, especialmente a maiores. A través destas sesións, ofrecerase información clara e novos coñecementos para axudar á veciñanza a comprender mellor a diabetes e aprender que, con pequenos coidados diarios, é posible manter unha boa saúde e unha boa calidade de vida”.

As charlas terán lugar nas seguintes datas e horarios: en Vilaselán o 27 de xaneiro ás 18:00 horas; en Ribadeo o día 28 deste mes, tamén ás 18:00 horas; en Arante o 3 de febreiro ás 16:30 horas; en Cedofeita o 5 de febreiro ás 16:15 horas; e en Cinxe será o 9 de febreiro ás 16:15 horas.

Dende a Área de Benestar Social, Saúde e Familia, a concelleira Elena Sierra destaca a importancia deste tipo de iniciativas e anima á cidadanía a asistir: “seguir apostando pola prevención e pola información é fundamental para coidarnos entre todos e mellorar a nosa calidade de vida”.

As charlas serán impartidas pola enfermeira de Benestar Social, María Roel, quen pon o acento na “necesidade dunha boa prevención e educación para a saúde, abordando aspectos como os síntomas da diabetes, os distintos tipos, os coidados diarios, os factores de risco e a importancia do seguimento sanitario”.

Sierra subliña a relevancia destas accións para a poboación maior, afirmando que “coidar da saúde das persoas maiores e ofrecer ferramentas para uns coidados de calidade é unha prioridade para este Concello”.