
O Concello de Burela informa de que xa está aberto o prazo de inscrición para o curso 2025/2026 na escola de música municipal desde este luns, 1 de setembro, ata o vindeiro día 30 deste mesmo mes. As prazas, dispoñibles para todas as idades a partir de 4 anos e en diferentes instrumentos, son limitadas.
Para matricularse e para obter máis información, a veciñanza poderá chamar ao número de teléfono 982.580.720, escribir ao correo electrónico escolademusica@burela.org ou acudir á propia escola na súa ubicación, en rúa do Cancelo, 1.
O tenente de alcaldesa en Burela e concelleiro responsable da Escola, Mario Pillado, anima á veciñanza “a participar neste novo curso aprendendo un novo instrumento ou coñecendo máis sobre esa fermosa arte que é a música” e destaca que “a Escola de Música de Burela ten un papel fundamental na vida cultural da nosa vila, e a seguimos construíndo entre todos e todas un ano máis”.