
Esta fin de semana en Foz a programación céntrase nas rapazas e rapaces. “Actividades para incentivar o uso do galego e a eliminación de bulos, tentan aportar novas ideas e aclarar temas de actualidade”, anuncia a concelleira de Cultura, Inés López Couto.
A Delegación de Cultura organiza para este venres ás 12 da mañá na Sala Bahía unha sesión escolar a cargo do actor Avelino González: “o tema desta representación, de nome GPA. Galego para abrir mundos, é un titorial sobre como usar a nosa lingua, un tratado sobre filoloxía emotiva, unha forma de achegarnos á fala coa que nacemos. Esta obra ademais terá a súa segunda representación ás 20.30 horas na mesma ubicación, dentro do outono cultural, cun prezo de 5 euros. O mesmo venres a Rede Local de Saúde organiza unha charla para a eliminación de bulos entre a xente nova. Será en dúas sesións: pola mañá no IES de Foz e pola tarde, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura”.
Ademais esta fin de semana haberá teatro para os máis pequenos. O domingo 16 na Sala Bahía ás 12.00 horas a compañía Naufragos porá en escena Bulebule, un espectáculo para nenos a partir de 4 anos no que se trata o tema do TDAH. “Bulebule é unha fermosa obra onde se pon o foco sobre as dificultades das mulleres para chegar a postos de responsabilidade nalgunhas profesións. É unha obra sobre igualdade e forza de vontade”, explica a concelleira de Cultura. O prezo da entrada é de 3 euros para adultos e 2 para os nenos.
Tamén esta fin de semana rematan as proxeccións das obras finalistas dos premios Mestre Mateo. O sábado 15 na Casa da Cultura ás 20.30 horas será a quenda da película Xustiza artificial, para finalizar o domingo 16 ás 18.30 horas co documental Salvaxe, salvaxe.
E na parroquia de San Acisclo o sábado e domingo celebran ás súas festas patronais. Haberá música a noite do sábado co dúo Stylo e o domingo en sesión vermú prolongada co dúo Estrellas.


