Este domingo, 8 de novembro, dispútase a carreira popular “Ao Son do Masma” en Barreiros

Barreiros acollerá este domingo, 8 de novembro, a oitava edición da carreira popular Ao Son do Masma, un evento “xa consolidado no calendario deportivo do municipio que organiza o Colectivo Cultural Ollomao en colaboración co Concello. A cita servirá un ano máis para poñer o punto e final ao circuíto municipal de carreiras populares +KmsBarreiros, concibido para promover a vida saudable, o contacto coa contorna natural e a dinamización do tecido veciñal”.

O Concello de Barreiros explica tamén que “o circuíto desembarca en Celeiro de Mariñaos cun aliciente deportivo máximo: tras varias citas ao longo do ano, os puntos finais en xogo decidirán as clasificacións xerais, onde as diferenzas son mínimas e a emoción está garantida ata os últimos metros. A xornada arrancará ás 10:30 horas coa andaina popular (con opcións de 8,6 e 5,6 quilómetros), un percorrido accesible e de dificultade baixa deseñado para desfrutar da paisaxe da ribeira do río Masma. A partir das 11:00 horas será a quenda dos máis novos, con carreiras adaptadas por idades, reforzando o carácter familiar da xornada. Finalmente, ás 12:00 horas darase a saída á carreira absoluta, sobre un percorrido de 5.600 metros. Toda a actividade do día terá o seu punto de encontro, eido de saída e chegada nas Escolas de Celeiro de Mariñaos”.  

Xunto coas medallas e trofeos para as distintas categorías, a proba contará “cun impulso especial grazas á colaboración do patrocinador do circuíto ASOPORCEL, que fará entrega de obsequios aos gañadores e gañadoras absolutos, así como ao equipo vencedor da proba”, destaca o Concello de Barreiros, que engade: “as persoas que desexen sumarse tanto á carreira como á andaina teñen de prazo ata este xoves, 5 de novembro, para formalizar a súa inscrición a través da plataforma oficial do circuíto en www.maiskmsbarreiros.gal”.

O Concello de Barreiros convida a toda a veciñanza e aos afeccionados ao deporte de toda a comarca a achegarse a Celeiro de Mariñaos “para desfrutar dunha xornada festiva, de convivencia e de puro deporte ao son do Masma”.