Este sábado, 10 de maio, celébranse en Xove os 28 Xogos Autonómicos de Campo a Través e Petanca para persoas con discapacidade intelectual

Este sábado, día 10 de maio, celebraranse en Xove os 28 Xogos Autonómicos de Campo a Través e Petanca para persoas con discapacidade intelectual Special Olympics Galicia. O evento, que foi presentado este xoves, terá lugar no campo de fútbol municipal de Xove desde as 10:45 horas.

A Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro (Aspanane), que coorganiza esta actividade, anuncia: “este sábado teremos o pracer de recibir no noso concello veciño de Xove (o cal xa é tamén a nosa casa) a un montón de entidades amigas chegadas de tódolos puntos de Galicia para celebrar os 28 Xogos Autonómicos de Campo a Través e Petanca Special Olympics Galicia 2025; os cales son mais especiais se cabe, xa que a nosa pequena familia será coorganizadora e anfitriona dos mesmos. Só podemos dar as grazas a Special Olympics Galicia por darnos esta oportunidade, ao Concellode Xove por acollernos e darnos tódalas facilidades posibles, e á Deputación de Lugo e demais colaboradores por axudarnos nesta emocionante aventura; temos unha sorte tremenda con toda esa xente que nos rodea. Tivo lugar no campo de fútbol de Xove a presentación oficial dos mesmos e para a cal contamos ca inestimable presenza de Eladio (presidente de Special Olympics Galicia), Demetrio Salgueiro Rapa (alcalde de Xove) e Óscar Viñas Penelas (director territorial da Consellería de Política Social de Lugo), xente cercana, amable e comprometida cos nosos proxectos que puideron ver de primeira man a ilusión que nos xera esta oportunidade. Vémonos o Sábado para desfrutar dunha xornada de visibilidade, deporte, reencontros, compañeirismo e sobre todo moitos sorrisos”.