Este xoves, 16 de outubro, volve o “Sanci Tapeando”, a proposta semanal da hostalería de San Ciprián (Cervo)

O Concello de Cervo anuncia que a hostalería de San Ciprián volve poñerse en modo tapeo coa iniciativa Sanci Tapeando, que regresa este xoves, día 16 de outubro, ofrecendo unha nova oportunidade para gozar da gastronomía local “a un prezo accesible e nun ambiente de proximidade”.

Esta proposta gastronómica, que conta coa colaboración do Concello de Cervo, reúne nesta edición aos establecementos Cervecería A Penúltima, Cervecería Las Titas, Bar Maruxaina, Bar O Faro, Terraza O Noso Lar e Bodega De Ana.

A presentación tivo lugar na Casa da Cultura e contou coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, da concelleira Mali Méndez e dunha representación dos locais participantes.

Durante todos os xoves cada establecemento ofrecerá unha tapa diferente e elaborada, ao prezo único de 2,5 euros. Ademais as persoas que se acheguen a degustar as propostas poderán participar nun sorteo de dous vales, de 200 e 100 euros, para consumir nos locais adheridos á iniciativa.

As tapas deste xoves 16 son: Cervecería A Penúltima, solombo en salsa de castañas; Cervecería Las Titas, timbal de gulas; Bar Maruxaina, mexillóns á mariñeira; Bar O Faro, tosta castelá; Terraza O Noso Lar, hamburguesa de tenreira con queixo San Simón e cebola caramelizada; e Bodega De Ana, ovos rotos.

As persoas interesadas poden seguir semana a semana todas as tapas e novidades da ruta gastronómica a través da conta de Facebook Sanci Tapeando.

Dende o Concello de Cervo anímase á veciñanza e visitantes a participar nesta nova edición do Sanci Tapeando, “unha excelente mostra da calidade culinaria e da vitalidade da hostalería local”.