Expomar celebra do 8 ao 10 de abril o “Día do Peixe” dentro do seu proxecto “Xeración Peixe” en centros escolares, de maiores e de inclusión da Mariña

Esta semana, desde o mércores 8 ata o venres 10 de abril, os comedores de centros escolares, de maiores e de inclusión da Mariña Lucense celebrarán o Día do Peixe dentro do proxecto Sostibilidade da actividade pesqueira e consumo responsable, que promove a Fundación Expomar co financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 e do GALP A Mariña-Ortegal.

A través desta iniciativa, a Fundación Expomar “quere fomentar o consumo de peixe nestes centros, proporcionando o produto pesqueiro aos seus servizos de cociña para que fagan diferentes elaboracións nos seus menús de mércores a venres desta semana. Unha auténtica Semana do Peixe coa que se espera ter un impacto directo en preto de 1.200 persoas da contorna”.

Nesta acción divulgativa e gastronómica participan centros de maiores, como a residencia da terceira idade de Burela; centros de inclusión con comedor, como a Fundación Eu Son en Burela ou Saúde Mental A Mariña, en Cervo; e ata trece centros de ensino con servizo de comedor ubicados en diferentes concellos que forman parte do GALP A Mariña-Ortegal: Burela, Barreiros, Foz, Cervo, Viveiro, Muras, Mañón e Ortigueira.

A xornada que se celebrou o mes pasado na Escola de Hostalería de Foz serviu de ensaio para esta celebración, presentando diferentes propostas de pratos de peixe espada, que é a especie que se lles facilitará desde a Fundación Expomar. Nela participaron profesionais da cociña dos centros que teñen servizo propio de comedor e tamén responsables das empresas de catering que serven outros comedores.

Todos os traballos realizados durante este proxecto, que comezaron xa no mes de outubro de 2025, culminarán no Congreso da infancia e a adolescencia, que se celebrará o xoves 30 de abril na Casa da Cultura de Burela e no que se exporá o resultado das actividades realizadas, con diferentes relatorios e mostras de artesanía, cultura, literatura e gastronomía.