A Federación de Comercio A Mariña e Logística Reyco veñen de renovar o seu convenio de colaboración

A FCAM e Logística Reyco veñen de renovar o convenio de colaboración polo que a empresa de Fazouro (Foz) estará presente na terceira edición do ciclo de charlas sobre o futuro laboral na Mariña que a FCAM levará adiante ao longo dos vindeiros meses polos centros de ensino da comarca. A FCAM e Reyco así o plasmaron no documento asinado polo CEO da empresa de transporte e loxística, Iván Marrube, e pola presidenta da federación empresarial mariñá, Carmen Cruzado.

Cruzado Iglesias agradeceu a colaboración: “desde a FCAM queremos agradecerlle o seu apoio económico a Logística Reyco, xa que estará presente como entidade patrocinadora na terceira edición do ciclo O futuro laboral na Mariña. Volveremos así aos centros de ensino da comarca para seguir contándolle á mocidade que aquí hai traballos moi dignos en moitos sectores e empresas e que na Mariña hai futuro. O ciclo chega con novidades neste 2026, que daremos a coñecer nuns días”.

A presidenta da FCAM lembrou que “Reyco foi a primeira empresa en unirse a este proxecto no curso 2024-2025. Desexamos que estas colaboracións poidan ter continuidade no futuro e que sexan moi positivas tanto para a FCAM como para Reyco”.

O CEO de Reyco, Iván Marrube, declarou: “sumámonos encantados a este proxecto para a posta en valor dos traballos na Mariña Lucense. Consideramos que é bo dar a coñecer aos estudantes que nesta comarca poden optar a postos de traballo da mesma calidade que en calquera outro lugar”.

Marrube subliñou que “a experiencia que vivimos nas dúas edicións pasadas deste ciclo de charlas foi moi positiva. Sabemos que calou na mocidade e por iso queremos apostar de novo por esta terceira edición”.

O CEO de Reyco sinalou tamén que “hai a tendencia a pensar que o de fora todo é mellor e nos comprobamos cada día que na Mariña hai empregos de iguais e mellores condicións que noutros lugares do país”.

Desde a FCAM subliñaron que “aqueles centros de ensino da Mariña que queiran achegar ao seu estudantado este ciclo de charlas sobre o futuro laboral nesta comarca poden contactar con nós a través da seguinte dirección de correo electrónico amarinafederacionlugo@gmail.com Desde a FCAM e desde as firmas patrocinadoras estaremos encantados de achegarlles en primeira persoa as experiencias de empresarios e traballadores asentados na Mariña.