
O concello de Xove anuncia que pon o peche á tempada festiva no municipio coa celebración da Festa do Ramo no Alto do Cruceiro, na parroquia de Xuances, que terá lugar os días 2, 3 e 4 de outubro. “Trátase dunha cita xa consolidada no calendario festivo de Xove e que este ano terá un significado moi especial ao coincidir coa celebración do XX aniversario da festa e da Asociación Cultural e de Festexos O Alto do Cruceiro, entidade que leva dúas décadas ao fronte da organización”, explica o Concello de Xove, que engade: “despois das celebracións de Portocelo, a principios do mes de setembro, a Festa do Ramo será a encargada de poñer o broche final ás festas da tempada no termo municipal de Xove cun completo programa pensado para todos os públicos, combinando gastronomía, música, tradición e convivencia”.
Os festexos comezarán o xoves 2 de outubro, ás 20:00 horas, coa tradicional Festa dos Callos, na que se servirán “abundantes racións de callos acompañadas de pan e viño a un prezo popular de 10 euros por ración. Xa pola noite, a festa continuará cunha verbena amenizada por Los Satélites e a Discomóbil Conxuro”.
O venres 3 de outubro terá lugar a segunda xornada festiva. Os actos comezarán coa misa solemne e a procesión na igrexa parroquial de Xuances, seguida da sesión vermú, que correrá a cargo do grupo Escaparate. Pola noite Escaparate volverá subir ao escenario para ofrecer unha nova actuación, acompañado pola Discomóbil Conxuro.
Finalmente o domingo 4 de outubro a Festa do Ramo despedirá esta edición cunha sesión vermú prolongada que terá como protagonista a artista Verónica Cambón, poñendo o punto e final a tres días de celebración.
Desde a Asociación Cultural e de Festexos O Alto do Cruceiro queren agradecer publicamente a colaboración de toda a veciñanza, dos comercios e das persoas e entidades que fan posible a celebración desta festa ano tras ano. Un agradecemento que fan extensivo tamén ao Concello de Xove polo seu apoio e colaboración.
Con motivo deste XX aniversario a comisión organizadora e Concello de Xove animan a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ata o Alto do Cruceiro e gozar dunha fin de semana de festa e convivencia.


