
Este martes, 14 de abril, tivo lugar en Mondoñedo a presentación oficial das festas de As Quendas 2026, nun acto no que estiveron presentes Manuel Otero Legide, alcalde de Mondoñedo; Iria Castro Fernández, deputada provincial de Cultura; e Manuel Antonio Fernández, director territorial de Cultura, acompañados tamén por concelleiros de Mondoñedo e membros da organización. Os festexos celebraranse desde o 30 de abril ata o 3 de maio.
A asociación organizadora fai público un “agradecemento sincero ao Concello de Mondoñedo, á Deputación de Lugo e á Xunta de Galicia polo seu apoio e compromiso, fundamentais para seguir facendo medrar unhas festas que son orgullo de todos”.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo anunciou que “a deputada de Cultura, Iria Castro, participou na presentación das Quendas. O acto celebrouse a carón da Fonte Vella coa participación de representantes do Concello de Mondoñedo e da Xunta de Galicia e membros da organización, que desvelaron as actividades que se desenvolverán ao longo das catro xornadas: desde a feira do gando e o mercado de produtos de temporada ata o obradoiro de amasado artesán da Festa da Empanada ou os espectáculos infantís e de maxia, a animación musical na rúa e a verbena. A profesora da USC María Josefa Lombardero Díaz, referente internacional na investigación forestal, será a pregoeira das festas”.
Sobre a pregoeira, a organización das festas explicou: “este ano teremos a honra de contar coa mindoniense María Josefa Lombardero Díaz (Fina), doutora en Bioloxía e catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, cunha traxectoria científica de referencia a nivel internacional. Especialista en sanidade forestal, leva anos investigando e loitando contra as pragas que ameazan os nosos montes, contribuíndo cun traballo rigoroso e comprometido coa sustentabilidade e co futuro do noso territorio. A súa carreira levouna a colaborar con centros de investigación de Europa e Estados Unidos, sendo autora de numerosos estudos e publicacións de prestixio. Un perfil de coñecemento, compromiso e orgullo para Galicia, que será a voz encargada de dar comezo ás nosas Quendas”.


