
A parroquia de Lieiro, no municipio de Cervo, xa está preparada para celebrar unha das citas máis destacadas do verán cervense, as festas na honra de Santa Isabel, que se desenvolverán do venres 3 ao luns 6 de xullo.
Na presentación participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; e os concelleiros Adrián Arias e Alfredo Fernández; xunto aos membros da Asociación Cultural Comisión de Festas de Lieiro, encargada da organización coa colaboración do Concello.
A programación arrancará este venres, 3 de xullo, ás 23:00 horas coa tradicional Festa da Xuventude, amenizada por DJ Alejandro Martínez, Marcos Peón e Conxuro Discomóbil.
O sábado 4 de xullo comezará ás 13:00 horas coa misa solemne na capela do Guioncho. Ás 13:30 horas celebrarase a sesión vermú co Grupo Da Silva e, xa pola noite, desde as 22:30 horas, terá lugar a gran verbena coas orquestras Gran Parada e Cayenna.
O domingo 5 de xullo a misa solemne celebrarase ás 12:30 horas na igrexa parroquial de Lieiro, cantada pola Coral Terra Mar, seguida da procesión. Ás 13:30 horas dará comezo a sesión vermú coa Orquestra Principal e, a partir das 22:30 horas, a verbena correrá a cargo da propia Orquestra Principal e de El Combo Dominicano.
As festas rematarán o luns 6 de xullo, cunha actuación do grupo folclórico Mistura de Lieiro ás 19:00 horas, seguida da tradicional sardiñada, ás 20:00 horas. A partir das 21:30 horas, a última verbena estará protagonizada por Tania Veiras e a orquestra Galilea.
Desde o Concello de Cervo animan a veciñanza e aos visitantes a achegarse a Lieiro “para desfrutar dunhas festas que cada ano reúnen a centos de persoas arredor da música, da tradición e da convivencia”.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou “o enorme traballo que realiza durante todo o ano a comisión de festas para sacar adiante unha programación atractiva e de gran calidade”, e subliñou que “Santa Isabel é unha celebración que combina á perfección a tradición coa mellor oferta musical, converténdose nun punto de encontro para veciños e visitantes e nun excelente escaparate do dinamismo das nosas parroquias”. Ademais agradeceu “a implicación de todas as persoas que colaboran na organización e convidou a gozar das festas, facendo que esta nova edición sexa todo un éxito, como é habitual”.


