As festas patronais de Ribadeo, na honra de Santa María do Campo, celebraranse do 30 de agosto ao 9 de setembro

Ribadeo prepárase para celebrar as súas Patronais 2024 cunha ampla variedade de actividades e eventos para todos os públicos. 

O venres, 30 de agosto, Día do Pregón, ás 20:30 horas no Cine Teatro, a ribadense e ex-alcaldesa de Alicante, Sonia Castedo, será a encargada de dar o pregón. Na cita actuará a Coral Polifónica de Ribadeo. A continuación ás 21:30 horas haberá un pasarrúas a cargo de Tamega.

O sábado, 31 de agosto, a festa continuará coa Noite de DJs a partir das 23:30 horas, na que actuarán Alejandro Martínez, Litainer e The Sound Project.

O domingo, 1 de setembro, será o Día da Bicicleta, coa concentración ás 10:30 horas e a saída ás 11:00 desde a Casa do Concello. Ás 13:00 horas, as rúas do pobo encheranse de música coa sesión vermú a cargo dos Pandereteiros do Inferno. Pola noite, ás 21:00 horas no Cantón, haberá un concerto de Camaño&Ameixeiras, que se trasladará ao Auditorio Municipal en caso de choiva. 

O mércores, 4 de setembro, Día dos Maiores, estará dedicado aos maiores do Hospital Asilo e do Centro de Día, que recibirán a visita dos Cabezudos acompañados polo grupo de gaitas Illa Pancha e gozarán dunha chocolatada. 

O xoves, 5 de setembro, o Mago Antón ofrecerá varias actuacións na contorna da Praza de Abastos, con pases ás 13:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas. 

O venres, 6 de setembro, celebrarase o Día do Neno a partir das 16:30 horas, con actividades como un parque infantil con inchables, festa da espuma e moito máis. Ás 19:30 un pasarrúas animará a tarde, seguido dunha Festa Verbena ás 22:30 horas coas orquestras Capitol e Fania Blanco Show. 

O sábado, 7 de setembro, será a Véspera da Patroa, con bombas de palenque ás 11:00 horas para anunciar o día. Ás 11:30, os Cocos e Cabezudos sairán acompañados polo grupo de gaitas Illa Pancha. Ás 14:00, a Orquestra La Ola ADN animará a sesión vermú, e ás 22:30 terá lugar unha festa verbena coas orquestras La Ola ADN e Grupo Beatriz. Á media noite, un gran espectáculo de fogos artificiais a cargo de Pirotecnia Reiriz iluminará o peirao e a ría.

O domingo, 8 de setembro, Día da Patroa, comezará ás 11:00 horas con bombas de palenque. Ás 11:30, as autoridades serán recibidas na Casa do Concello e acompañadas pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense durante o percorrido cara á Igrexa Parroquial, onde ás 12:00 se celebrará unha misa solemne cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida da procesión. Ao finalizar, a Banda Municipal de Ribadeo ofrecerá un concerto diante do Concello. Ás 14:00 horas, a Orquestra Acordes amenizará a sesión vermú, e ás 18:00 horas no Estadio Municipal Pepe Barrera, disputarase o Trofeo Festas Patronais de Fútbol entre o Ribadeo FC e o AD Miño. A xornada rematará cun concerto de La Guardia ás 22:30 horas, seguido dunha festa verbena coa orquestra Acordes.

E o luns, 9 de setembro, último día das festas, ofreceranse descontos en todas as atraccións durante a tarde.