Foz acollerá un foro de expertos sobre comercio, turismo e sostibilidade coa colaboración de ONDA ODS

O Concello de Foz, en colaboración con ONDA ODS, Radio Foz e EMUGA (Asociación de Emisoras Municipais Galegas), organizará un foro de expertos centrado na análise e promoción de estratexias sostibles en tres piares clave para o desenvolvemento local: comercio, turismo e sostibilidade.

A iniciativa, que se desenvolverá en formato de faladoiro radiofónico en directo, reunirá profesionais, institucións e cidadanía co obxectivo de xerar un espazo de reflexión colectiva e acción práctica. As persoas asistentes poderán participar activamente nun coloquio no que se abordarán cuestións fundamentais como o comercio de proximidade, a revitalización do tecido económico local mediante propostas innovadoras e sostibles, e o papel do turismo como motor económico, facendo fincapé en modelos respectuosos co entorno, a cultura e a comunidade. Tamén se tratarán temas relacionados coa vivenda e o desenvolvemento industrial.

Este foro enmárcase na terceira edición do proxecto ONDA ODS Empeza por Ti, desenvolvido por EMUGA en colaboración con asociacións homólogas en Andalucía (EMA), Catalunya (La Xarxa Radio TV Cardedeu) e a Asociación de Emisoras Comunitarias, con repercusión en máis de 240 emisoras locais de todo o Estado.

A Axenda 2030 será o eixo central desta proposta, na que se analizarán as accións que, dende o ámbito local, se poden poñer en marcha para avanzar cara a modelos de desenvolvemento respectuosos co medio ambiente e a identidade cultural, reflectindo as necesidades e valores da comunidade.

ONDA ODS aportará a súa experiencia en procesos de dinamización social e territorial, comunicación participativa e divulgación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en contextos comunitarios.

A organización deste foro foi pechada nunha reunión entre representantes do Concello de Foz, Radio Foz e EMUGA.